Esta mañá tivo lugar no espazo de traballo de Arenaza o evento Almorzo no Pazo, evento no cal recibimos a un convidado/a que nos achega algún tema de interese e tralo que compartimos un almorzo para debater as opinións resultantes. Neste día acompañounos Charlotte Österman, socia e directora de desenvolvemento sostible en Pax Tecum Global Consultancy, que nos falou dos obxectivos de desenvolvemento sostible e da súa integración na empresa.
O 25 de setembro do 2015, a ONU impulsou os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) para dar continuidade á axenda de desenvolvemento tralos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e emprender un camiño no cal mellorar a vida de todos/as. Conta con 17 obxectivos que conteñen unhas metas específicas, sumando un total de 169, incluíndo a eliminación da pobreza, o combate co cambio climático, a inclusión social ou a igualdade. Estes obxectivos deben alcanzarse nos próximos once anos (2030) e requiren da participación de todo o mundo, dende os gobernos, ata o sector privado, a sociedade civil e os cidadáns normais.

Por que son importantes os obxectivos sostibles? Beneficios de aplicalos na túa empresa

Falando dende o punto de vista empresarial, estes son os motivos polos cales é interesante implantar na estratexia empresarial os ODS:
1. Axudan a avaliar e xestionar os riscos sociais, económicos e ambientais.
2. Melloran a reputación empresarial e a imaxe.
3. Contribúen a situar estratexicamente no mercado fronte a competencia.
Aínda que estes tres puntos serían as principais claves dos ODS nas empresas, existen outros moitos como:
- Previr riscos futuros.
- Reducir os impactos negativos no medio ambiente (o que pode supoñer unhas redución de custos na empresa).
- Aumentar a produtividade.
- Contribuír na economía local.
- Mellorar a relación coa comunidade local da empresa e cos seus clientes.
- Acceder a talentos potenciais.
- Formación.
- Marketing.
Conseguir aplicar os obxectivos sostibles nas empresas permite identificar futuras oportunidades de negocios, pois os ODS pretenden redirixir os recursos das inversión públicas e privadas, contribuíndo ao crecemento dos mercados e facilitando o acceso a capital para empresas que podes ofrecer tecnoloxías e solucións importantes con modelos de negocio sostibles. Isto tamén mellora o valor da sostibilidade empresarial, pois refórzanse os incentivos económicos para que as empresas empreguen recursos de maneira máis eficiente ou cambien a alternativas sostibles, o que os consumidores actuais valoran moi positivamente.
Os ODS tamén axudan a fortalecer as relación e os compromisos con clientes, empregados/as e outras partes interesadas, ademais de conseguir estabilizar sociedade e mercados cunhas regras, sistemas financeiros transparentes e institucións sen corrupción.
Para finalizar, tamén definen o uso dunha linguaxe común e un propósito compartido que axudará a que se estableza unha comunicación máis coherente e eficaz entre as empresas.

Como podemos implantar os ODS?

Charlotte explicounos como integrar os obxectivos sostibles na estratexia empresarial co exemplo do propio Pax Tecum Global Consultancy. Estes foron os punto que seguiron:
1. O primeiro que se debe facer é definir varios grupos de interese e apuntar os riscos que levan.
2. Logo, hai que seleccionar os propios obxectivos e metas. É moi importante nesta parte que o grupo creado para definir esta estratexia poida falar libremente, debater e escoller entre todos/as os puntos a realizar. Non significa que vaiamos facer todos, se non establecer os que si poidamos e comprometernos co seu cumprimento.
3. Agora sería o momento de crear as accións para cada obxectivo e definir os KPIs, fundamentais para medir todo o que estamos facendo.
4. É tamén moi importante que todo o anterior se inclúa nos informes empresariais mensuais para ver o seu desenvolvemento.
5. E, por último, débese comunicar esta aplicación, en diferentes publicacións, presentacións, etc.

Algunhas conclusións

Despois dunha presentación moi completa e ilustrativa, as conclusións extraídas foron que os ODS dan unha visión máis ampla do que significa a sostibilidade. Ademais, axúdannos a entender cal é a nosa propia influencia e a coñecer as oportunidades que se nos presentan. Finalmente, pero non por iso menos importante, son unha forma de aprender.

Se estás interesado/a en integrar os obxectivos de desenvolvemento sostible, podes consultar a SDG Compass, unha ferramenta que axuda na transición aos ODS.

Se queres estar ao tanto de todo o que vai pasando no pazo e doutros eventos como este, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto volveremos con máis novidades!

Enlaces de interese:
Pax Tecum Global Consultancy
- Linkedin
- Instagram
- Twitter
Be the first one to leave a comment!
Sign in or join to post new comments