Son Richi Rozas, son músico e profesional do marketing orientado á industria audiovisual, concretamente a fabricantes e distribuidores de audio. O meu proxecto chámase Teima Consulting e ofrece servizos de marketing e consultoría para as empresas deste gremio.
Cóntanos máis sobre o teu proxecto. Como xurdiu? Cal cres que é o seu futuro?
Ata principios deste ano estaba traballando neste eido do audio profesional, pero ben, os cambios sobreveñen e, cando chegou o momento, tomei un tempo para osixenarme. Estiven formándome e fixen un máster con IESIDE en marketing dixital e, ao tempo, comentando con colegas e contactos do meu gremio, fun vendo a necesidade e a receptividade a servizos de marketing que traballasen en proxectos concretos ou colaboracións puntuais e aí foi onde se foi xestando esta idea de Teima Consulting.
Por que decidiches acceder a un coworking en vez de a unha oficina tradicional?
Anteriormente xa traballara en espazos de coworking e tiña idea de que esa era a fórmula perfecta para min. Paralelamente a estes cambios dos que falaba, o espazo onde traballaba de maneira habitual pechou, así que tiña que buscar unha solución, un novo espazo, e casualmente ao whatsapp da miña muller chegou unha mensaxe dunha colega falando do Pazo de Arenaza. Ao día seguinte chamei pola mañá e en 24 horas estaba a solicitude enviada.
Que vantaxes cres que ten traballar nun coworking?
Están, obviamente, asociadas, a un uso máis racional do espazo e dos recursos. Pero, sobre todo, as sinerxías que se producen nun espazo como este, tanto a nivel profesional como persoal: podemos compartir experiencias, penas e alegrías e iso sempre axuda. E, dende logo, ese é un dos puntos máis importantes nun espazo de coworking.
Que é o que máis che gusta de traballar en Arenaza?
Agora que xa levamos uns meses e xa podemos ter un pouco máis a percepción real, o espazo é un luxo realmente, tanto pola localización como polo edificio en si e a reforma que se fixo, e a xestión paréceme que se nota os anos de experiencia que hai: a dinamización diaria do pazo, hai moitas actividades que realmente fomentan que, en moi pouco tempo, haxa un ambiente de familiaridade entre os/as coworkers. E logo, o factor humano, creo que a xente que hai aquí é un dos mellores activos, senón o mellor activo do pazo.
Como transcorre unha xornada laboral para ti?
Se algo destacaría é que non hai unha rutina. Iso se cadra é un dos aspectos que máis me atrae dun proxecto así, porque ás veces as rutinas non se levan ben con determinadas actividades; os mesmos espazos e as mesmas secuencias de eventos lévante a buscar as mesmas solución e ferramentas para cada proxecto e creo que iso axuda a fomentar a creatividade. Prefiro pensar máis a nivel semanal, fixar obxectivos e así todo é un pouco máis permeable e permisivo.
Cales son as túas tres cousas imprescindibles á hora de traballar?
Un ordenador, unha mesa e unha cadeira e, incluso, a mesa e a cadeira poden ser prescindibles. E, agora que o penso, tamén pode que o ordenador sexa prescindible! Hai cousas que prefiro facelas con lapis e papel e, se é grande, se é un A3 mellor, para ter máis sitio.
Que é o que máis che gusta do teu traballo?
O proceso creativo e o reto que me supón cada proxecto, que é un contexto novo, un cliente diferente, uns obxectivos distintos, e creo que esa parte creativa e ese reto constante é o aliciente máis importante do meu traballo.
Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?
Son músico, que máis que unha profesión, é unha condición que me acompaña. Ao longo da miña experiencia tiven momentos onde me dedicaba profesionalmente, outros semiprofesionalmente compatibilizando con outras actividades… O tempo que me queda é para pasalo coa miña familia e amigos.
Xa para rematar, recoméndanos: unha película, unha serie, un libro e unha canción!
Libro, agora mesmo estou lendo un libro de estratexia que se chama Zag, de Marty Neumeier; está moi chulo e é moi produtivo.
Canción si que xa me pides demasiado… Musicalmente son omnívoro, pero ben, por dar algún nome, ultimamente estou moi pillado con Snarky Puppy e gozo moito coas cancións dunha banda de California que se chama Dawes.
Podes atopar a Richi en:
Linkedin