Cando comezas un proxecto, non che basta con ser creativo: tamén precisas ferramentas legais para protexer o que che fai único/a. Aquí entra en xogo o rexistro dunha marca, un activo que defende a túa identidade no mercado. Ademais, unha marca rexistrada engade valor ao teu negocio e proporciónache dereitos exclusivos sobre o seu uso.
Que é unha marca e por que merecería rexistrala?
A marca é un sinal distintivo: un nome, logotipo ou combinación que identifica os teus produtos ou servizos e os diferencia do resto.
Rexistrala non é obrigatorio, pero é moi recomendable: sen un rexistro oficial, calquera podería usar algo similar e chegar a poñerte en dificultades legais.
Todo se entende mellor con exemplos. Imos poñernos nesta situación: imaxina que comezas a túa actividade cun nome que aínda non está rexistrado. Se outra persoa o rexistra antes ca ti, poderá reclamar os dereitos de uso e deixarche nunha situación legal complicada. En cambio, ao rexistrar a marca aseguras a titularidade e adquires dereitos exclusivos sobre ela, incluída a posibilidade de defendelos xuridicamente en caso de conflito.
Como se rexistra unha marca en España?
O proceso é máis sinxelo do que parece, aínda que require cumprir certos pasos formais. En España, a entidade encargada é a Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM). Estes son os pasos básicos:
1. Busca previa de dispoñibilidade
Antes de iniciar o trámite, convén comprobar que a túa marca non existe xa rexistrada. Isto podes facelo a través da base de datos pública da OEPM. Así evitas investir tempo e cartos nun nome que podería ser rexeitado.
2. Elección da clase adecuada
As marcas rexístranse por clases segundo a Clasificación de Niza (produtos e servizos). Por exemplo, unha marca para roupa non se rexistra na mesma clase que unha para servizos de restauración. Escoller ben a clase é fundamental para que a protección sexa efectiva.
3. Presentación da solicitude
A solicitude pode facerse en liña a través da web da OEPM. Precísase:
○ Nome ou logotipo que desexas rexistrar.
○ Clase ou clases de produtos/servizos.
○ Datos do titular da marca.
4. Exame e publicación
A OEPM revisará que a solicitude cumpra os requisitos formais e que non existan impedimentos legais. A marca publícase no Boletín Oficial da Propiedade Industrial (BOPI), e ábrese un prazo de dous meses no que terceiros poden opoñerse se consideran que a marca invade os seus dereitos.
5. Resolución e concesión
Se non hai oposicións ou son resoltas a favor do solicitante, a marca queda rexistrada e xa dispós dos dereitos exclusivos sobre ela durante 10 anos, prorrogables indefinidamente.