Preséntate! Dinos quen es, a que te dedicas e cal é o teu proxecto actual.
Ola a todos/as! Eu son Carmen Figueroa Álvarez, son veterinaria e fun responsable de calidade alimentaria en varias empresas. Agora estou aquí no espazo de coworking como unha autónoma máis.

Cóntanos máis sobre o teu proxecto. Como xurdiu? Cal cres que é o seu futuro?

Decidín, despois de veterinaria, especializarme nesta rama de seguridade alimentaria. Xurdiu un pouco a raíz destes traballos que tiven, tras facer un máster especializado en seguridade alimentaria e máis formación, polo que decidín ampliar esta experiencia dende outro punto de vista, xa que me gusta moitísimo o tema da alimentación e da promoción da saúde e o feito de ser autónoma facíame ampliar este punto de mira e poder traballar con máis xente.

Por que decidiches acceder a un coworking en vez de a unha oficina tradicional?

Cando comezas un proxecto, o tema económico pesa moitísimo e este espazo coworking dábame a oportunidade de vir aquí de forma gratuíta. Pero, sobre todo, polo feito de estar en contacto con máis xente, máis profesionais doutros sectores e poder ter esta relación profesional con outro tipo de autónomos e autónomas.

Que vantaxes cres que ten traballar nun coworking?

Eu creo que a principal son as relacións persoais e a xente que podes coñecer. De feito, na miña carreira profesional e durante a miña formación, creo que aprendín tanto ou máis da xente coa que compartín esas experiencias que da propia información ou formación que puiden recibir.

Que é o que máis che gusta de traballar en Arenaza?

Creo que é un espazo ideal para traballar. Encántame como o restauraron, a situación e o lugar son ideais e, sobre todo, a principal vantaxe é a xente. O equipo que traballa aquí vexo que é moi activo, que nos pode axudar moito e, a verdade, creo que foi un acerto.

Como transcorre unha xornada laboral para ti?

De momento fago certos días á semana. Fago auditorías en grandes distribuidoras, é un pouco o comezo no que estou agora mesmo. Ademais dito, que me pode supoñer trasladarme de provincia, moito movemento e moito coche. Outros días, simplemente, pois diante do ordenador, neste caso repasando eses informes de auditoría que despois teño que presentar. E espero, a partir de setembro, adicar tamén varias xornadas laborais á semana en seguir contactando con xente para ampliar a miña carteira de clientes.

Cales son as túas tres cousas imprescindibles á hora de traballar?

Así, principalmente, gústame moito a organización do tempo. Preciso a liberdade de movemento e, sobre todo, as cousas ben feitas. É moi importante ter moi claras as normas a seguir: cando podes ser medianamente flexible e cando hai que seguir unhas normas prefixadas.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

O que máis me gusta, sobre todo, o dinamismo. Poder estar con xente diversa, en lugares diversos, que é un pouco o que botaba de menos cando non era autónoma.

Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?

Son unha persoa que sempre fixo deporte, sobre todo estar ao aire libre. Gústame moitísimo o cine e o teatro e, por suposto, os concertos en directo.

Xa para rematar, recoméndanos: unha película, unha serie, un libro e unha canción!

Para min, do mellor que hai son as películas de Hitchcock, calquera delas.

Cancións… Encántame a música tradicional e gústame tocar a pandeireta, co cal sería canción tradicional. Se nos vamos a algo máis comercial e de estudio, encántame a canción La Grange, de ZZ Top.

Libros, a verdade, non sabería que dicirvos. Sobre todo, leo e estudo acerca da alimentación, normas e lexislación da alimentación. Gústame ler artigos de investigación con respecto á evolución, antropoloxía…

Recomendo moi encarecidamente a serie The Good Fight. Estouna vendo agora mesmo e estame enganchando moitísimo!

 


Podes atopar a Carmen en:
Be the first one to leave a comment!
Sign in or join to post new comments