Edu Rubianes, de Refrescando Negocios, falounos da súa experiencia coa marca persoal durante o Freelancers Day 2019. Queres saber todo o que nos dixo?
'A túa marca persoal é o que din de ti cando ti non estás diante'. Esta frase de Jeff Bezos, fundador e CEO de Amazon, reflecta á perfección o que é a marca persoal. Non é o que queremos ser ou transmitir, senón que é o que os demais perciben de nós. Por iso, debe ser algo traballado e coidado, así a relación emisión-percepción será adecuada.
Algúns exemplos de persoas que souberon utilizar a súa imaxe como marca persoal para potenciar os seus negocios e/ou actividade son Elon Musk, Alain Afflelou, Michelle Obama ou Richard Vaughan. Tamén encontramos exemplos dentro do ámbito dixital, como Maider Tomasena, Luis Villanueva  ou Vilma Núñez, que dinamizaron os seus negocios a través da súa imaxe.
Cando falamos de marca persoal e expoñernos xorden medos: egocentrismo, infravaloración, ridículo, vergoña, etc. Estes medos funcionan como freos, polo que debemos sortealos e confiar en nós mesmos/as e nas nosas habilidades.

Como potenciar a marca persoal

  • Pasión polo que facemos: se non cremos no que facemos, non o podemos transmitir correctamente. Un mesmo/a ten que ser o o primeiro/a e crer na súa propia marca.
  • Personalidade: saber posicionarnos tamén é cuestión de actitude, de evolucionar e adaptarnos sendo fieis á nosa personalidade.
  • Diferenciación: non podemos intentar abarcar todo, a clave é centrarnos en algo en concreto, é dicir, especializarnos. Desta forma, poderemos destacar entre a competencia.
  • Redes sociais: é importante participar nas redes pensando nos nosos negocios. Hai que escoller as máis adecuadas aos nosos casos, non por ter máis imos ser mellores, conta máis a calidade que a cantidade. Ademais, é importante participar en foros e axudar a outras persoas, evitando os conflitos ou polémicas que poidan danar a imaxe dos nosos negocios.
  • Networking: acudir a eventos presenciais e establecer relacións persoais é beneficioso para a nosa actividade, xa que compartimos experiencias, consellos e opinións.

Algúns consellos

  • Usar o nome propio: falar en primeira persoa do singular e non agocharnos tras o nome da nosa empresa/proxecto. Non debemos parecer unha axencia.
  • Imaxes de calidade: é importante invertir na nosa imaxe, mesmo acudindo a un servizo profesional, pois non serve calquera cousa. É unha inversión, non un gasto, xa que as fotos chaman a atención tanto para ben como para mal. Por isto, necesitamos destacar pola calidade e a atención nos detalles.
  • Gravar en vídeo: se precisamos poñernos diante dunha cámara, sabemos que temos que enfrontarnos a moitos medos, como os mencionados máis arriba. O primeiro paso é intentalo, xa que un documento audiovisual ten moito valor e a xente prestará máis atención.
O tempo que invertimos en traballar a nosa marca persoal é moito e probablemente non veremos resultados ata un medio-longo prazo. Cun traballo continuo e moita paciencia, conseguiremos chegar ata os nosos obxectivos: relevancia, reputación e autoridade. O importante é saber que somos o medio, non o fin, e que non debemos tirar os nosos esforzos cando nos atopemos ante unha adversidade. Sobre todo, e fundamentalmente, temos que ser nos mesmos/as.


Artículos relacionados

0 comment(s)