Inspiración
Substantivo feminino
1. Acción de inspirar ou inspirarse.
2. Forza creadora, facultade de imaxinar cousas novas.
3. Idea que xorde espontaneamente.

Esta é a definición que proporciona o Dicionario da Real Academia Galega sobre o que é a inspiración, máis cando as musas se agochan, é bastante complicado atopalas. Seguro que ti tamén tiveches un momento de frustración por intentar crear algo diferente, orixinal, e non ser capaz e outros instantes nos que as ideas non paraban de bailar na túa cabeza, incluso sendo difícil facerlle caso a todo.
A inspiración é importante para poder traballar, xa que nos fai sentir imparables e optimistas. Cando non estamos inspirados/as, podemos sentirnos sen motivación e isto fai que caiamos na procrastinación, atrasando tarefas e deberes. Pero a inspiración non o é todo, pois só representa un lixeiro brote de creatividade cunha duración determinada, polo cal se non vén a nós, podemos saír a buscala.
Hoxe queremos darche algúns tips para eses momentos nos que estás atascado/a e a inspiración non fai presenza. Anota:

1. Falar con xente
Pode parecer algo moi básico, pero realmente podemos sorprendernos de todo o que nos pode aportar falar con alguén. Podemos escoller a un coñecido ou coñecida, pero tamén a un completo estraño/a; tampouco importa demasiado se son persoas coas mesma forma de pensar ca nos ou se teñen unha mentalidade diferente. Ao final, o que importa de verdade é o intercambio de opinións e como podemos observar as cuestións que nos afectan dende perspectivas que igual non valoraramos antes.
Para encontrar a inspiración podemos facer preguntas directas sobre un tema que nos atinxe, buscando ver que pensan os demais, pero tamén mantendo unha conversación trivial se nos pode acender esa luceciña que, ata o momento, parecía estar fundida.

2. Ler e ver películas
Quizais tamén sexa algo banal, pero funciona! Unha boa forma de inspirarse é tratando estas actividades que poden parecer máis ociosas.
Ler non significa limitarse só a libros de ficción ou de non ficción, senón consultar a prensa diaria, revistas especializadas ou unha enciclopedia. No medio de toda a amalgama de palabras podemos atopar unha que traia consigo pensamentos orixinais e novos, os necesarios para comezar a desenvolver ese proxecto no que estábamos estancados/as.
Coas películas acontece algo similar, pero agora podemos velo. É fácil sentirse identificado/a coas cousas que suceden nunha pantalla, polo que podemos aproveitar as leccións aprendidas e levalas a cabo nas nosas vidas. Só custa intentalo!

3. Escoita música
Está demostrado que escoitar música que nos gusta fai que nos sintamos mellor e, cando estamos animados/as é máis fácil que a inspiración chegue a nós. Fai unha lista de reprodución coas túas cancións favoritas e emprega a música para canalizar os teus pensamentos, relaxarte e, incluso, buscar a concentración. Polo menos, sen non atopas a inspiración, gozarás das melodías.

4. Sae da casa
Pode darse o caso de que esteas descansando no sofá e unha idea apareza na túa mente, pero a inspiración tamén se traballa. Entón, sae ao seu encontro! Proba a dar unha volta pola veciñanza, aventúrate polas rúas da cidade, senta nun parque, toma algo nunha cafetería ou entra a un museo, calquera opción é válida, non importa tanto o lugar como as sensacións que che transmita. Observa ao teu arredor… e faite preguntas.
Ao final, serás quen de atopar ese lugar especial que estimule a túa creatividade.

5. Caderno e lapis (ou móbil)
Se estás na busca da inspiración e xa sabes o volátil que é, quizais sería unha boa idea ter algo á man onde apuntar todas esas cuestións que xorden cando fai acto de presencia. Podes ter un caderno e un lapis sempre á man para apuntar os teus pensamentos ou facer uso das novas tecnoloxías, pero é moi importante que anotes todo o que se che ocorra; se o deixas pasar, esqueceraste.

6. Chuvia de ideas
E se con todo isto non eres capaz de atopar a inspiración, sempre podes facer uso de diversos xogos e estímulos  mentais. Un deles sería o brainstorming, ou chuvia de ideas, que consiste en plasmar todas as ideas ou pensamentos que poidamos ter e buscar unha asociación entre elas.

Non te desbordes se un día non es capaz de atopar a inspiración, é mellor que esteas relaxado/a para así ir con todo a atopala. Esperamos que estes consellos che poidan axudar nos momentos menos creativos!

Se queres estar ao tanto de todo o que vai pasando no pazo, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto volveremos con máis novidades!

Artículos relacionados

0 comment(s)