Preséntate! Dinos quen es, a que te dedicas e cal é o teu proxecto actual.
O meu nome é Lidia Feijoó, son deseñadora interior e case arquitecta, só me falta o proxecto final de carreira! Estou no pazo porque estou empezando un proxecto de deseño interior e arquitectura. Enfócase sobre todo ás reformas, porque é ao que sempre me quixen dedicar. Estiven traballando con outros arquitectos/as no mundo do deseño interior e levo moitos anos traballando nas reformas. Empecei facendo pequenos proxectos e fun vendo que tiña a posibilidade de traballar pola miña conta.

Cóntanos máis sobre o teu proxecto. Como xurdiu? Cal cres que é o seu futuro?
Dende pequeniña, sempre quixen facer arquitectura, entón en vez de empezar como toda a xente normal, que fai arquitectura e despois especialízase en deseño interior, eu fíxeno ao revés: empecei por deseño interior e, despois, fixen arquitectura á vez que traballaba, entón agora teño moita máis experiencia que se houbera feito ao revés.
Sempre me gustou traballar á miña maneira, entón decidinme a facerme autónoma para non traballar seguindo as regras doutras persoa.

Por que decidiches acceder a un coworking en vez de a unha oficina tradicional?
A miña idea era empezar na casa, pero coñecín a Miguel e faloume deste proxecto do Pazo de Arenaza. Mireino e encantoume, pareceume unha moi boa idea. Entón aquí estou!

Que vantaxes cres que ten traballar nun coworking?
Sobre todo, que estás con máis xente: vés aquí e tes máis xente, máis compañeiros/as de áreas similares e doutras; tes a hora do café para despexarte; se te algunha dúbida, pódeslle preguntar a alguén e contéstanche, porque sempre hai xente especialista en algún tema… Sempre é mellor que Google ter outra persoa experta ao lado!

Que é o que máis che gusta de traballar en Arenaza?
O que máis me gusta é… todo! O pazo é precioso, a xente, os compañeiros e compañeiras que teño, o xardín, a entrada cando vés por aquí entre as árbores, os venres facer os Petiscos...

Como transcorre unha xornada laboral para ti?
Pola mañá, mediodía e noite saco ao can, iso é inamovible, ten que saír tres veces, e o resto vai un pouco como cadra. Intento levar unha orde, pero ao final é difícil de conseguir iso, sempre pasan cousas e todo o que planificaches non sae como tiña que ir.

Cales son as túas tres cousas imprescindibles á hora de traballar?
Un lapis, un papel e un metro. Despois necesito máis cousas, pero iso é o imprescindible.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?
Todo, porque é un traballo moi creativo e moi divertido, falas coa xente, sempre aprendes moitas cousas: como son as obras, como foron antes, imaxínaste como serán… Moi divertido!

Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?
Non me gusta ver películas nin series. Gústame estar fóra, ir pasear… Teño un cadelo, pois ir con can por aí, polo monte, sobre todo. Viaxar, como todo o mundo, e saír cos amigos/as tomar unha caña.

Xa para rematar, recoméndanos: unha película, unha serie, un libro e unha canción!
A película que máis me gusta chámase Grandes Esperanzas. É dun pintor, un neno que está debuxando e axuda a un preso. Na película saen moitos dos debuxos do neno, que son moi bos, e de maior ten un mecenas que lle merca todas as obras, facéndose un pintor moi coñecido.
A serie que recomendaría sería Los Simpson, porque é unha crítica social moi divertida. Creo que vin todos os capítulos!
O libro… Opio en las nubes, de Rafael Chaparro, que o lin cen veces. Son historias moi estrañas encadeadas unhas con outras.
E canción… Teño moitas, pero ao mellor unha de Eskorbuto que é A pesar de todo.


Podes atopar a Lidia en:
Páxina web
Linkedin
Instagram
Facebook

Artículos relacionados

0 comment(s)