Sóache de algo iso do elevator pitch? Probablemente escoitaras este termo algunha que outra vez, pero se non sabes aínda o que significa, hoxe queremos axudar a coñecer este recurso sumamente importante para calquera persoa emprendedora, autónoma ou que estea comezando un proxecto.
O elevator pitch (discurso de ascensor) é, basicamente, un discurso breve para presentar un proxecto ou a nós mesmos coa intención de outorgarnos visibilidade e persuadir á persoa receptora da mensaxe. A súa característica principal é a curta duración: de forma habitual, un elevator pitch debería durar entre 45 segundos e 1 minuto, como unha viaxe en ascensor. Neste discurso debemos condensar moi ben o mellor do noso proxecto, funcionando como un teaser de todo o que podemos ofrecer para así manter o interese do noso interlocutor/a e con ganas de saber máis. Ollo! Segundo a persoa receptora á que dirixamos a nosa mensaxe, deberemos desenvolver diferentes versións, resaltando os aspectos máis interesantes para a mesma.
Esta técnica tan propia do século XXI ten a súa orixe no mundo dos negocios dos anos 80. Moitas fontes atribúen este concepto ao empresario estadounidense Philip Bayard Crosby e empregábase en eventos que funcionaban como punto de encontro entre persoas emprendedoras e inversoras para buscar financiamento, converténdose nun termo moi popular entre o corpo estudantil de vendas.

Cales son as características dun elevator pitch?

  • Brevidade: como sinalamos ao principio, non debe durar demasiado, bastaría con 45 segundos - 1 minuto.
  • Estruturación: a información debe estar organizada cunha lóxica, non relatada de calquera maneira.
  • Concisión e Claridade: debe ser directo, ir realmente ao importante para aproveitar o pouco tempo do que dispoñemos, e que non provoque confusión no receptor/a.
  • Diferenciación: debe transmitir cal é o noso valor diferenciar, contar que nos diferencia do resto e nos fai únicos/as.
  • Emoción: un bo elevator pitch ten que comunicar a nosa paixón polo tema tratado, que se note o entusiasmo ao presentar o proxecto.
  • Interese: ten que espertar a curiosidade da persoa que o escoita, que quede con ganas de saber máis do tema que ensinamos.

Como elaborar un elevator pitch

Como xa sinalamos, este discurso caracterízase pola súa brevidade, polo cal a información que conterá ten que ser a xusta para interesar á persoa receptora. Esta información debería ser:
- Unha breve presentación;
- Unha exposición do proxecto ou de nós mesmos/as clara;
- O noso valor diferencial, o que nos fai diferentes ao resto;
- Algunha cifra (se procede) para contextualizar ou destacar;
- Unha chamada á acción (call to action) que atúe como gancho para atraer á persoa que nos escoita.

Unha vez que temos clara a información que debe conter un bo elevator pitch, é o momento de crear o noso propio discurso, polo que iremos segundo unha serie de pasos que nos faciliten a súa elaboración.
1. Definir con exactitude o que ofrecemos
Debemos ter moi claro o que ofrecemos aos demais, cal é o noso produto/servizo ou proxecto e por que é útil ou necesario. É importante crer no que contamos para transmitir e contaxiar esa emoción aos demais.
2. Falar de nós
Non significa basear todo o discurso no noso ego, senón en presentarnos, dicir que somos, de onde vimos, cal é a nosa experiencia. Basicamente, consiste en transmitir unha imaxe que chame á atención, que faga que se queden coa nosa cara, e crear empatía.
3. Explicar a nosa idea/proxecto
Aquí debemos amosar a nosa idea de negocio (ou vendernos a nós mesmos/as) dunha forma breve, concisa e clara.
4. Resaltar o que nos fai diferentes
É fundamental sinalar que é o que nos diferencia da nosa competencia, porque nos debes escoitar e escoller a nós e non aos outros/as.
5. Call to action
Facer unha chamada á acción para promover un novo contacto, unha reunión... Esta frase debe resultar atractiva e enganchar, deixar con ganas de máis ao receptor ou receptora.

Para axudarnos neste proceso de construción do noso discurso, podemos ir axudándonos dunha serie de preguntas cuxas respostas conformarán o contido do mesmo. Despois, só se trata de unir os puntos con coherencia e lóxica á nosa presentación.
  • Cal é o noso proxecto/idea?
  • Cal e a situación actual? En que mercado nos movemos?
  • A que público está dirixido?
  • Que é a persoa ou persoas detrás do proxecto?
  • Quen é a nosa competencia?
  • Cal é a nosa vantaxe? Que ofrecemos que non teñan os demais?

Algúns consellos para construír o noso discurso

Storytelling
Ás persoas gústalles escoitar historias. Se podemos contar unha en vez de narrar unha información de xeito máis plano, conseguiremos chamar máis a atención e impactar no noso receptor/a.
Escribir e ensaiar
É moi útil escribir primeiros o noso discurso para ter claro o que imos dicir. Logo será cuestión de ensaiar a forma de contalo, pero en ningún caso debemos memorizalo ao pé da letra, xa que lle restaríamos naturalidade. Simplemente é cuestión de familiarizarse co contido e explicalo de forma natural.
Atención á linguaxe e á expresión corporal
A linguaxe que empreguemos debe estar adaptada á persoa receptora da mensaxe, polo que debemos coidala especialmente. O mesmo acontece cos xestos que utilizamos: temos que ser moi conscientes do que transmitimos coas nosas expresións corporais e evitar aquelas que denoten significados negativos. Así mesmo, é importante que se note entusiasmo e emoción no que narramos.
Respostas preparadas
É moi posible que, se temos éxito, a persoa que escoite o discurso nos faga algunhas preguntas por curiosidade ou por saber algo máis do noso proxecto. Para isto, prepararemos unha batería de respostas que aclaren esas dúbidas que poidan xurdir.
Tarxeta de visita
Se vemos a oportunidade, ofreceremos unha tarxeta cos nosos datos de contacto. Debemos esperar ao momento oportuno, ben coa chamada á acción, como despedida ou noutro punto que vexamos factible, para facilitar que nos poidan localizar facilmente.
Vídeo de presentación
Unha boa idea sería que preparáramos un vídeo de presentación co noso elevator pitch para colgar na nosa páxina web ou algunha rede social. Se nos decidimos por esta opción, hai unha serie de recomendacións que debemos seguir:
  • Escoller unha boa localización: o lugar no que gravemos o vídeo debería ter un fondo neutro, nada saturado, e con boa iluminación, preferiblemente natural. O son é moi importante, polo que debemos evitar sitios con eco ou con moi ruído que poidan interferir na nosa fala.
  • Gravación de calidade: tanto se empregamos o noso smartphone como unha cámara profesional, debemos gravar en HD e en horizontal, tentando obter sempre a mellor calidade posible. Podemos facer uso dun pequeno trípode para axudarnos a fixar a imaxe e que non se mova o dispositivo de gravación. Ademais, o mellor plano para este tipo de vídeo será un plano medio (de cintura para arriba).
  • Coidado do aspecto: vai ser a nós mesmos/as a quen vexan, polo que debemos coidar a imaxe que transmitimos e os xestos que empregamos. É moi importante que falemos con claridade, para que se nos entenda ben, facendo uso das pausas e os silencios.

Para rematar, aquí van algúns exemplos de como facer un bo elevator pitch para inspirarte e crear o teu propio:



Esperamos que estes consellos che poidan axudar e que teñas moito éxito nos teus discursos!

Se queres estar ao tanto de todo o que vai pasando no pazo, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto volveremos con máis novidades!

Artículos relacionados

0 comment(s)