Unha das intervencións do Digital Transformation Day, organizado polo ICOIIG, tratou sobre a cadea de valor 4.0 e foi impartida por Carlos Mozas, da consultora G3M. Comezamos falando da contorna VUCA, un acrónimo que se emprega para describir contornas caracterizadas pola volatilidade, a incerteza, a complexidade e a ambigüidade, un contexto que define os novos paradigmas empresariais.

Actualmente, hai unha morea de temas que inflúen na conta de resultados, pero que poden converterse en oportunidades. e temos que conseguir que VUCA se converta precisamente nisto. A clave reside en aportar valor e a isto chégase a través da tecnoloxía en diversos eidos:
  • Creatividade e Innovación
  • Velocidade e Sincronización
  • Flexibilidade
  • Valor e Eficiencia
  • Información e Análise
De todos xeitos, a cuestión non é investir por investir, senón investir con sentido e cando teñamos os procesos claros. Incluso máis que adecuarse a un sistema de software, as empresas deben facelo elas á súa medida.

Caso de éxito: a dixitalización da cadea de valor de Krack Zapaterías

Krack Zapaterías é unha cadea de zapaterías que naceu como unha pequena empresa en Pontevedra. Na actualidade conta con máis de 50 tendas en toda España, con produtos multimarca e tamén de marca propia, pero para ela non foi sinxelo operar no mercado, e menos durante a crise: as súas marxes eran moi reducidas e non contaban con moitos recursos.
Partindo desta base, que foi o que fixeron?
  • Creatividade: usar e buscar ideas para que os procesos foran o suficientemente competitivos.
  • Eficiencia: buscar un equilibrio entre as ideas e os resultados.
Logo, seguindo as metodoloxías Lean e Scrum, definiron unha serie de pasos:
1) Fixar unha estratexia: todo o que non puxera en risco a actividade da empresa.
2) Determinar os procesos.
3) Tecnoloxía (racional).
4) Mellora continua (medir e cambiar).

Exemplos concretos da dixitalización de Krack

Estas son algunhas das medidas que a empresa iniciou para dixitalizar a súa cadea de valor:
  • Estableceron stocks en tempo real en toda a rede e impulsaron un reaprovisionamento continuo e automático, co que incrementaron a velocidade de resposta, a flexibilidade e minimizaron os inventarios e as roturas.
  • Impulsaron a flexibilidade e a estandarización do stock online para descentralizalo, creando un shop & go que minimizou os stocks e os leads time (tempos de espera) a un servizo mínimo.
  • Apoiaron a fast-fashion, é dicir, uns ciclos de deseño e fabricación curtos que minimizaron o inventario sobrante e fixo posible responder de maneira inmediata á demanda do mercado.
  • Automatizaron de forma racional o almacén, o que mellorou os custos, a velocidade e a fiabilidade do servizo, integrando tamén operadores loxísticos, e tamén das tendas, na etiquetaxe dos prezos, controlando o stock de exposición e a recepción e expedición, o cal beneficiou o custo en tendas e o servizo ao cliente.
  • Fixeron uso da analítica, con algoritmos de detección temperá de roturas no stock e reaprovisionamento continuo do provedor, ademais de ter sempre o produto correcto na tenda correcta e unha rotación semanal, o que influíu na minimización dos inventarios e das roturas no stock.
  • Empregaron a loxística visual con indicadores en oficina e almacén que apoiaron unha mellora continua e unha reacción temperá.
Estas accións, xunto con outras moitas, foron as que Krack levou a cabo da para dixitalizar os seus procedementos e adaptarse ao novo contexto da transformación dixital, o que en tres anos significou un aumento de máis do 60% da produtividade, un ecommerce multiplicado por nove e un 20% online na tenda física.


Todas as presentacións dos Digital Transformation Days estarán dispoñibles en breves na páxina das Oficinas de Transformación Dixital.

Se queres estar ao tanto de todo o que vai pasando no pazo, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto volveremos con máis novidades!

Artículos relacionados

0 comment(s)