Advertencia! Este artigo ten intencións puramente humorísticas. Todos os tipos aquí definidos son produto da imaxinación de quen escribe, polo que calquera parecido coa realidade é mera coincidencia.
Ou non.
 
O máis habitual á hora de acceder a un espazo de traballo é que nos atopemos con diversos perfís de profesionais, moi diferentes entre eles. Isto non ía ser unha excepción nun coworking, espazo onde conviven todo tipo de emprendedores e emprendedoras e que fai realmente especial este lugar.
Hoxe reunimos nesta lista nove espécimes que nos podemos atopar nun coworking:

 

1. O coldworker
Este tipo de coworker adoita habitar nos espazos máis calorosos dun espazo de coworking. A súa característica principal é que sempre ten frío, polo que poderás atopalo nun lugar con calefacción ou venerando os poucos raios de sol que entran pola ventaniña. Tamén é facilmente recoñecible fóra do seu hábitat natural, pois levará xerseis ou roupa de abrigo (incluso no verán) e estará queixándose do frío.
2. O pantasma
Ninguén sabe moi ben se existen realmente ou quen son, pero parece que están porque deixan cousas noutros lugares, luces prendidas ou aparecen conectados/as. As lendas contan que, se entras no coworking antes das 9 da mañá ou despois das 7 da tarde, podes encontralos traballando duramente.
3. O coworker normativo
Este é un tipo de coworker estándar: agradable, colaborativo, traballador/a... Adoita levarse ben con todo o mundo e contaxia boa enerxía. Sempre che bota unha man cando o precisas e únese a todas as ideas propostas. Imprescindible nun coworking!
4. O workaholic
Son os primeiros/as en comezar a traballar e os últimos en marchar para a casa, onde seguen coas súas labores; desconectar é un verbo que non aparece no seu dicionario. Podes recoñecelos porque xamais se separan do seu móbil e non permanecen moito tempo noutro sitio que non sexa a súa mesa. Poden asustar un pouco ao principio, pero non son perigosos.
5. O enciclopedista
Dise do coworker cultivado en diversas áreas. Moi útiles cando tes unha dúbida, tamén son artistas do entretemento coas súas marabillosas historias. Aínda que son inofensivos, poden resultar un pouco intensos/as, polo que se recomenda usalos con moderación.


6. O planificador/a
Son persoas entusiastas que, en canto xorde unha proposta ou idea, xa están propoñendo plans. Organizan quedadas, eventos, comidas... e son fundamentais para que todo saia ben, Ao principio poden pasar desapercibidos, pero son fieis compañeiros/as e nunca che deixarán tirado/a!
7. O techie
Sempre están á última en temas tecnolóxicos! Alí onde van, están acompañados do seu móbil, tablet ou smartwatch. Poden recomendarche unha infinidade de produtos afíns ás túas necesidades, pero ás veces poden resultar un pouco superficiais no que a marcas se refire.
8. O pupas
Da igual en que momento o atopes, sempre lle vai pasar algo: ou ten dor de cabeza, ou un constipado ou levou un golpe no nocello. Son máis ben tímidos/as e non adoitan ir moi lonxe do seu espazo de traballo, pero hai que tomar medidas preventivas para evitar contaxios.
9. O riquiño/a
O compañeiro ou compañeira coworker ideal. Ofrecerase a facerche un té, acercarache á casa, traerá o almorzo e deixará material de oficina sempre que alguén o necesite. É un amor e todo o mundo o adora, polo que é perigoso/a, xa que produce adicción!
 
Estes son son algúns exemplos dos tipos de coworkers que te podes atopar. Botas en falta algún? Con cal te sentes ti máis identificado/a?
 
Se queres estar ao tanto de todo o que vai pasando no pazo, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto volveremos con máis novidades!
 

Artículos relacionados

3 comentario(s)