Hoxe celébrase o Día Internacional do Coworking en todo o mundo e , por iso, apetecíanos contarche un pouco máis sobre que é un coworking e cal é a súa historia. Estás preparado/a? Pois a seguir lendo!

Que é isto dun coworking?

O termo coworking fai referencia a unha forma de traballo que permite a profesionais de diversos perfís compartir un mesmo espazo para desenvolver a súa actividade. Esta maneira de traballar fomenta a colaboración e as relacións entre os distintos profesionais, que poden ser freelance, emprendedores ou emprendedoras e pymes de variados sectores.
Pero esta non é a única definición de coworking, pois a palabra tamén represente o espazo físico onde se reúnen todas estas persoas traballadoras, as cales reciben o nome de coworkers.
A forma de traballar nun espazo de coworking é unha tendencia na contorna laboral pola súa flexibilidade e accesibilidade, pero destaca a maneira de vivir fomentando sinerxías entre as persoas, a colaboración para a realización de proxectos e a unión entre todos e todas.

Cal é a historia do coworking?

Aínda que a rede está chea de información coa orixe e progresión deste fenómeno, podemos situar os primeiros vestixios en Europa, concretamente na cidade de Berlín, onde en 1995 se fundou a C-Base, un hackerspace deseñado como espazo sen ánimo de lucro no que se reunían entusiastas dos ordenadores e as novas tecnoloxías.
En 1999, o deseñador de videoxogos Bernard DeKoven acuña o termo 'coworking' entendido como a descrición do traballo colaborativo. Neste mesmo ano, abre o 42 West 24 en Nova York, outro precursor dos coworkings actuais.
Xa instalados no novo milenio, Viena inaugura no 2002 o Schraubenfabrik, considerado o primeiro espazo europeo de traballo compartido. Situado nunha antiga fábrica, estaba dirixido a persoas emprendedoras de diversos perfís.
Damos un pequeno salto de tres anos para ver, por fin, o nacemento do primeiro coworking como tal. Foi en San Fracisco, un nove de agosto de 2005, onde Brad Neuberg abre, en Spiral Muse, un espazo durante dous días á semana, no cal se instalou o atleta e promotor de startups Ray Baxter, considerado o primeiro coworker do mundo. Un ano despois, en 2006, pecha este espazo e alí mesmo instálase The Hat Factory, o primeiro espazo de coworking a tempo completo. Nestas datas tamén xorden en Londres unha rede de espazos de coworking chamada Hub, que conta con máis de corenta espazos na actualidade, sendo a maior rede existente.
A partir do 2007, o termo 'coworking' convértese nunha tendencia e vense emerxer espazos nunha morea de cidades, aparecendo as Coworking Visas en 2008, o que implica o acceso libre a outros espazos incluídos dentro desta modalidade.
No ano 2009, publícase o libro I'm outta here! How coworking is making the office obsolete, que fala da auténtica revolución que supuxeron estes espazos, e finalmente, en 2010, celébrase o primeiro Coworking Day.
Este fenómeno chegou a Galicia durante a última década, sendo WeKCo un dos precursores na nosa comunidade. Actualmente, o número de coworkings e coworkers segue medrando na nosa comunidade.
Esperamos que esta historia che resultara interesante e que che deixara un pouco máis claro que é un coworking. Non esquezas visitar as nosas redes sociais!
Be the first one to leave a comment!
Sign in or join to post new comments