As redes sociais hoxe en día son fundamentais para a maioría das persoas. Non só as empregamos como mera vía de entretemento, senón tamén para informarnos e estar en contacto con outras persoas. Pero que acontece coa parte profesional? Cada vez máis, as marcas saben que deben ter presenza nas redes para chegar aos seus clientes, non só para conseguir vender os seus produtos/servizos, tamén para atraer a potenciais clientes e afianzar a lealdade dos xa existentes. Estas tácticas non só se limitan a grandes grupos e compañías, son algo necesarios para os pequenos negocios que buscan destacar nun mundo de xigantes.
Durante o #SheMeansBusiness, un programa formativo destinado a mulleres emprendedoras, autónomas e traballadoras de PeMES, vimos como empregar as ferramentas dixitais de Facebook e utilizalas para desenvolver e potenciar os nosos negocios. Hoxe queremos centrarnos na utilización do propio Facebook. Cres que o sabes todo sobre o xigante social? Segue lendo e descúbreo!

Como empezar a usar Facebook?

Facebook xa non é só unha simple rede social onde pasar o tempo. Foi evolucionando e agora supón un punto de encontro entre as persoas e as empresas. Pero este cambio non só se produciu no tipo de contidos que consumimos, senón tamén nos dispositivos que o facemos. O teléfono móbil é o aparato que máis empregamos para entrar nas redes sociais, seguido polo ordenador, o que nos da unha pista sobre quen será o noso público, que lle gustaría ver e, ademais, os formatos nos que deberemos crear os contidos.
Coecidos estes datos, e sabendo a importancia das redes sociais para as empresas, xa podemos tomar a decisión de abrir unha páxina en Facebook. O primeiro que debemos saber é que, para crear unha páxina, previamente temos que facer un perfil persoal (se non o temos xa). Cal é a diferenza entre os dous?
  • Un perfil é unha conta persoal, emprégase con fins non comerciais e representa a individuos. A propia persoa escolle o nivel de privacidade que quere para esta conta, polo que non é unha opción se somos unha empresa, ademais de que infrinxiríamos as condicións de uso de Facebook e poderían proceder a eliminala.
  • Unha páxina é unha conta comercial para empresas e organizacións, moi similar á conta persoal, pero con ferramentas únicas para a xestión e a análise da actividade. As páxinas contan con diferentes roles: administrador, editor, moderador, anunciante e analista.
Unha vez que comecemos a crear a páxina, para o que xa contamos cuns modelos que nos facilitan o proceso, é moi importante ir enchendo os diferentes apartados cos datos que nos piden: canta máis información poidamos proporcionar, mellor, pois queremos ofrecer todos os apuntamentos que necesiten. Tamén son relevantes as fotos que escollamos como imaxes de portada e de perfil: no primeiro caso, debe ser significativa, ter relación coa nosa actividade e contar cunha boa calidade; na segunda opción, é recomendable usar o noso propio logo, se o temos. As imaxes son moi poderosas, relaciónannos directamente cunha actividade/sector e son un imán para as visitas e as interaccións.

Comunicación co público de Facebook

As posibilidades de comunicación nesta rede social son moitas, pero imos centrarnos en catro.
1. Utilización do messenger: é a aplicación de mensaxería oficial da rede que nos permite comunicarnos co noso público directamente. Na configuración da páxina debemos habilitar este botón e conformar as respostas instantáneas e os saúdos, de maneira que, se non podemos falar no momento de contacto, facilitamos unha atención correcta para coidar aos nosos clientes. Esta función serve para:
   - Conectar cos clientes.
   - Enviar mensaxes relevantes.
   - Ofrecer soporte técnico.
   - Permitir un contacto personalizado.
2. Crear eventos: son unha forma de conseguir que as persoas non se perdan as citas máis importantes! Podemos crear eventos para moitas cousas: promocións, lanzamentos, formacións... Son gratuítas e permítennos chegar a moita xente. Para crealos, soamente nos debemos dirixir á pestana correspondente, crear o evento que desexemos e ir enchendo coa información necesaria, podendo incluso convidar á xente que nos queiramos. É importante poñer todos os datos correctamente, enlazar coas webs necesarias e ir actualizando a información para que as persoas asistentes e interesadas estean advertidas en todo momento.
3. Empregos en Facebook: outra funcionalidade que nos ofrece esta rede para manternos en contacto co noso público é a oferta de empregos. Esta ferramenta gratuíta axúdanos a encontrar candidatos/as co perfil demandado para a nosa vacante, ademais de poder:
   - Publicar ofertas.
   - Revisar solicitudes.
   - Chegar a máis persoas.
Pola nosa parte, só temos que publicar a oferta de emprego dende o noso muro e, a partir de aí, imos enchendo os ocos cos datos pertinentes (posto, localización, descrición...). Logo, aparecerán na columna da esquerda, onde poderemos ir consultándoa, renovándoa ou eliminándoa definitivamente. Ollo, as ofertas de emprego caducan automaticamente aos 30 días! Pola parte do candidato/a, pode atopar todas as ofertas dende a sección correspondente e ir filtrando por zonas, profesións ou palabras clave, pero tamén pode acceder á páxina da empresa na que ten interese e ver no apartado empregos se ten algunha oferta vixente.
4. Publicar na páxina: esta é a parte máis importante da interacción co noso público, a creación de contidos. Non só debemos publicar no muro, senón tamén facer uso das historias. Existen catro tipos de publicacións básicas en Facebook:
   - Publicacións de texto.
   - Publicacións de foto.
   - Publicacións de vídeo.
   - Publicacións de enlace.
As publicacións que mellor funcionan son as de vídeo, en cambio, as de texto son as que menos, polo cal é recomendable acompañar sempre os textos dun contido visual.
Para publicar en Facebook debemos ter en conta a regra dos tres terzos:
   - Un terzo da comunicación debe ser sobre nós mesmos, os nosos servizos, produtos...;
   - Outro terzo debe corresponder a noticias relevantes do noso sector;
   -  E, o último terzo, está baseado na xeración dunha comunidade, polo que utilizaremos contidos para afianzar a fidelidade do público con curiosidades, humor, etc.
O ideal sería publicar unha vez ao día, para non saturar, e que estas actualizacións sexan de calidade: non todo vale, polo que unha boa fórmula é pensar no que nos gustaría ver a nós mesmos/as nesta rede. O horario dependerá da nosa audiencia, polo que é importante facer uso da analítica e medir os resultados, pero como orientación recoméndase publicar polas mañás, ben cedo ou ben ao mediodía; en canto aos días, debemos ter en conta os fins de semana e publicar tamén neste período.

7 prácticas para expertos/as en redes sociais

  • Debemos escoller ben o nome da nosa páxina e o da URL, que se relacione directamente connosco e non dea lugar a erros e/ou confusións con outros.
  • As imaxes que empreguemos, tanto para a páxina como para as publicacións, deben ser atractivas e coidadas. Podemos atopar os tamañas recomendados en moitos sitios de Internet, así como ferramentas para modificar e xogar co contido visual para facelo máis rechamante.
  • Non debemos empregar demasiados hashtags nas publicacións que fagamos, pois non axudan a posicionarnos. O recomendable é utilizar entre 5 ou 6, como máximo.
  • A linguaxe e ton que utilicemos teñen que estar adaptados ao noso público, non é o mesmo dirixirse a adolescentes que a profesionais do marketing ou aficionados á ópera.
  • Non cansamos de repetilo: hai que publicar de maneira frecuente, se pode ser unha vez ao día, mellor. O ideal sería programar as publicacións e utilizar un calendario para ter todo sempre organizado e controlado.
  • Debemos apostar polos contidos que fomentes a participación. Poden ser publicacións que inclúan preguntas para responder nos comentarios ou tamén concursos, sorteos...
  • Unha boa práctica é empregar a aplicación do administrador de páxina de Facebook, pois con isto podemos ter baixo control e en calquera momento todo o que sucede na rede.

Se queres estar ao tanto de todo o que vai pasando no pazo, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto volveremos con máis novidades!

ARTICLES SIMILAIRES

0 Commentaire(s)