Durante o Freelancers Day 2019, Manolo Rodríguez, de Desenredando la Red, falounos da xeración de contidos e comezou a súa intervención sinalando o cambio que se produciu en nós mesmos, pasando de ser consumidores a crear o propio contido.

Por que podemos crear contidos?

  • Para ofrecer gratis o que sabemos e así gañar o que valemos.
  • Para diferenciarnos do resto. É interesante observar a regra do '90-9-1' da xeración de contidos en Internet, a cal di que todos consumimos contidos, pero un 90% limítase soamente ao consumo, un 9% difúndeos (curadores de contido) e un 1% xera contidos orixinais.

Onde podemos crear contidos?

  • Páxina web: é o centro da nosa estratexia de comunicación dixital, onde queremos que chegue o noso público.
  • Blog: este debería ir dentro da páxina web, para así seguir atraendo ao público a esta.
  • Correo electrónico: a través del podemos mandar as nosas newsletters.
  • Redes Sociais: debemos utilizalas, pero temos que ter en conta que son cambiantes e cada as públicacións cheguen a menos xente, polo que hai que invertir economicamente nelas.
  • Vídeo: as imaxes audiovisuais funcionan moi ben, están nun bo punto actualmente.
  • Podcast: gústanos ter contidos á carta, polo que un podcast é ideal para poder descargalo e escoitalo cando queiramos.

O mundo dos blogs

Unha plataforma que podemos empregar para crear o noso blog é Wordpress, pois é bastante sinxelo en canto á súa utilización e, ademais, un 60% das webs fanse a través del.
Existen numerosas fontes de ideas. Unha pode ser Twitter, a través de xente que comparte bo contido; Feedly é un sistema que reúne blogs e nos amosa as entradas que nos interesan, polo cal podemos obter bos contidos; das nosas propias dúbidas tamén podemos conseguir boas ideas, pois soportan un proceso de pesquisa que pode resultar proveitoso e proporcionar valor; os comentarios dos blogs, aínda que xa non hai tantos como antes, poden ser preguntas ou dúbidas que trataremos de solucionar dándolles unha resposta; por último, Pocket é un sistema para gardar contidos dunha maneira fácil e sinxela, podemos organizar mellor e, ademais, crear etiquetas.

O eido audiovisual

Para realizar vídeos o principal é ter unha boa calidade, polo cal debemos prestar especial atención ao son e á iluminación. A partir de aquí, podemos empregar todas as infraestruturas e materiais que consideremos necesarios, pero os básicos serían unha cámara fotográfica que grave vídeo ou un móbil, un micrófono de solapa, un pequeno set de iluminación ou un anel deluz e, incluso, un teleprompter.
Para editar podemos empregar diversos programas. Temos opcións básicas como Windows Live Movie Maker ou iMovie, que son gratuítas, ou utilizar algún máis profesional, como Final Cut Pro X ou Filmora, aínda que existen moitos máis.
As grandes plataformas onde colocar os nosos vídeos son Vimeo e Youtube. Na primeira temos mellor calidade de imaxe, pero só deixa subir 500 megas; en cambio, Youtube danos máis espazo e chega a máis xente, pero ten menor calidade.

Entradas relacionadas

0 Comentario(s)