Preséntate! Dinos quen eres, a que te dedicas e cal é o teu proxecto actual.
Chámome Marta Trigás, son arquitecta e estou especializada en arquitectura sostible e passivhaus.
O meu proxecto actual agora é que, tras volver outra vez a vivir a Galicia, decidín montar pola miña conta o meu estudo de arquitectura. Estou comezando a facer, sobre todo, proxectos de vivendas unifamiliares de baixo consumo.

Cóntanos máis sobre o teu proxecto. Como xurdiu? Cal cres que é o seu futuro?
Todo isto comezou fai sete anos. Eu vivía en Coruña, rematei a carreira aquí e funme a Barcelona a estudar un máster en arquitectura e sostibilidade. Aí empecei a ter moito contacto co tema da construcción bioclimática e passivhaus, que é un estándar alemán mediante o cal se constrúe cuns consumos moi baixos e unha eficiencia enerxética moi alta, entón conséguese un confort máximo dentro das vivendas.

Todo iniciou porque, vivindo en Barcelona, tiña moitas ganas de volver para Galicia e entón foi un momento da vida de tomar unha decisión. Vinme para aquí en decembro, comecei a petar nas portas, a darme a coñecer e, pois, parece que a cousa vai saíndo un pouco ben.

Por que decidiches acceder a un coworking en vez de a unha oficina tradicional?

Primeiro, porque coñecín a Miguel, por casualidades da vida, e comentoume que había este proxecto en marcha. Pareceume súper interesante porque creo que, como veño un pouco soa e arranco o proxecto así, traballar nun sitio no que haxa outros compañeiros, xa sexan do gremio ou non, crea sinerxias súper positivas para sacar adiante novos proxectos.

Que vantaxes cres que ten traballar nun coworking?

Creo que compartir traballos con diferentes gremios, con diferentes persoas, é moi positivo para todas as profesións.

Como transcorre unha xornada laboral para ti?

Bueno, eu por agora estou arrancando. Intento vir cedo e traballo polas mañás. Veño, traballo, intento baixar a tomar o café, pero ás veces vou un pouco ‘a tope’ e non me da tempo. Intento falar, sobre todo, coa xente que está na miña sala.

Cales son as túas tres cousas imprescindibles á hora de traballar?

Necesito, sobre todo, organización, como ter unha lista de cousas imprescindibles que teño que resolver durante esa mañá de traballo. Logo, hai que procurar abrilas e pechalas, non solaparme con moitísimas tarefas á vez porque, se non, acabo non rematando ningunha. Intento mirar o mail en momentos como de relax. É intentar ser organizada.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

Encántame a parte creativa, gústame moito pensar. Fascíname, é o máis divertido.

Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?

Reláxame moito facer ioga, necesítoo para a miña vida diaria, para sacar todo o estrés do traballo. Encántame ir á praia, estar no campo e ao aire libre. Gústame moito aproveitar o día, ir coñecer pobos, praias, recorrer… E agora que estou de volta en Galicia, gústame moito ver sitios que facía moitísimos anos que non iba.

Xa para rematar, recoméndanos: unha película, unha serie, un libro e unha canción!
Non podo recomendar unha peli, pero si me gusta moito Tarantino ou Guy Ritchie. Son dous directores que, se sacan algunha película súa, vou ao cine si ou si.
Gústanme moitos tipos de música, gústame ir de verbena e pásoo xenial, pero se hai un grupo que me toca un pouco o corazón son os Red Hot Chilli Peppers.
Un libro… Gústame moitísimo o que estou lendo agora, que é 1984. Da un pouco de medo ver o que era unha utopía e dicir que se parece bastante á realidade.

E unha serie… tamén a que estou vendo agora, estame deixando tocadiña. É El cuento de la criada, moi chula e moi recomendable.



Podes atopar a Marta en:

Entradas relacionadas

0 Comentario(s)