Preséntate! Dinos quen es, a que te dedicas e cal é o teu proxecto actual.
Chámome David Rodríguez, son enxeñeiro industrial e dedícome ao deseño de instalacións industriais, principalmente no sector eléctrico. O meu proxecto é un proxecto de empresa de instalacións domóticas e eléctricas.

Cóntanos máis sobre o teu proxecto. Como xurdiu? Cal cres que é o seu futuro?

A idea xurdiu, principalmente, por ver que o parque automobilístico se estaba a converter ao sector eléctrico e que había unha forte dependencia das infraestruturas eléctricas de adaptarse a este campo. Xurdiunos primeiro esta idea de enfocar a empresa cara ese sector e, despois tamén, a segunda idea que imos compaxinar é principalmente no sector da domótica porque as instalacións tradicionais baséanse nun sistema de cableado moi ríxido e nós buscamos darlles un ecosistema completo aos sistemas de Google Home e Alexa con sistemas sen fíos. 

Por que decidiches acceder a un coworking en vez de a unha oficina tradicional?

Porque me gusta, sobre todo, o contacto con xente que pensa coma min, que estea neste clima de emprendemento e podemos axudarnos uns aos outros.

Que vantaxes cres que ten traballar nun coworking?

Sempre contas cun grupo de profesionais que fai que poidas sacar sinerxías deles.

Que é o que máis che gusta de traballar en Arenaza?

Sen dúbida, o lugar. É incrible que colleran un pazo e nos puxeran estas instalacións que son marabillosas.

Como transcorre unha xornada laboral para ti?

Levántome ás seis e media e fago un pouco de exercicio. Logo, vou traballar á empresa de enxeñería na que estou actualmente e, despois cando saio de alí, veño directo ao coworking a traballar no meu proxecto.

Cales son as túas tres cousas imprescindibles á hora de traballar?

Hai unha que é moi importante: organización. Esa é a clave. Eu sempre busco ter sistemas de forma que poida facer fitos de traballo. Teño varios programas cos que trato de conseguir estes obxectivos e, ademais, sempre busco sistematizar procesos.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

O sector tecnolóxico sempre me apaixonou, dende pequeno, cando lle pedín a meus pais se podía ver o motor do coche con dous anos. O que máis me gusta de comezar a miña propia empresa é poder ofrecer un servizo que, considero que aquí en Galicia, non chegou aínda a toda a poboación.

Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?

Gústame moito ir de sendeirismo. Adoito ir ver praias, paseos fluviais, acantilados, etc.

Xa para rematar, recoméndanos: unha película, unha serie, un libro e unha canción!

Película gustoume moito Interstellar, porque trata moi ben os temas da física e da tecnoloxía; serie gústame moito a de Peaky Blinders, porque enfócase moito no mundo da empresa; libro gústame Padre Rico, Padre Pobre, de Robert Kiyosaki, porque da unha visión distinta que non ensinan nos colexios de como é o sistema no que vivimos, o sistema capitalista; e canción, de toda a vida para min, dende a miña xuventude, é a de Oasis de Wonderwall.



Podes atopar a David en:

Entradas relacionadas

0 Comentario(s)