Sabemos que ser emprendedor/a ou iniciar un negocio non é tarefa fácil e que, ás veces, parece que faltan horas no reloxo para facer todas as cousas que queremos.
A produtividade é un indicador que amosa a eficiencia coa que cumprimos coas nosas tarefas. Un clima laboral axeitado, onde o traballador ou traballadora goce do que fai, é fundamental para conseguir un bo rendemento, pero as actitudes deste traballador/a tamén son moi importantes para alcanzar uns bos resultados.
Queremos botarche unha man, por iso traemos os pasos a seguir para mellorar a produtividade. Toma nota!


1. Establecer unha rutina

Se establecemos unha rutina para as nosas xornadas conseguiremos realizar accións de maneira case automática e enfocarnos no máis importante. É imprescindible tentar cumprila e ser puntuais nela para que sexa realmente aproveitable!
Igual parece obvio, pero durmir e descansar ben xogan un papel moi importante na produtividade diaria. Ás veces pensamos que se traballamos ata tarde ou sen parar conseguiremos máis e mellores resultados, pero isto é un erro. Debemos ter en conta que o noso cerebro ten momentos de maior rendemento que outros durante o día, polo que é fundamental durmir ben e madrugar para aproveitalos.
Manter nesta rutina a orde tamén nos axuda a automatizar todos os procesos. Ter os nosos espazo de traballo ordenados e libres de obstáculos facilitará a concentración e evitará as distraccións.
Un par de tips neste apartado:
- Xa sabemos que o café parece ser o único elixir funcional á hora de activarnos, pero pode resultar contraproducente se abusamos del. Proba a reducilo, tomalo descafeinado ou, incluso, pásate ás infusións, pois poden axudarche coa concentración e a relaxación!
- Aprender novas habilidades pode ser moi proveitoso para aumentar a nosa produtividade. Podes incluír na túa rutina un oco para fomentar esas habilidades transversais que, de seguro, che facilitarán o día a día no teu traballo.

2. Planificar

Se non tes axenda, igual deberías valorar comprar unha. A planificación é un dos pilares fundamentais na produtividade.
O ideal é que traballemos en bloques e establezamos obxectivos diarios, decidindo que imos facer nesa xornada. É recomendable que nos dediquemos a unha soa tarefa á vez e non a varias, pois corremos o risco de non rematar ningunha delas; mellor facemos unha tarefa e, ao completala, pasamos á seguinte. Desta forma tamén conseguimos automatizar o traballo. Estas tarefas tamén deberán estar priorizadas, así separamos o urxente do importante.
Neste apartado tamén imos sinalar un par de tips que poden facilitar a planificación:
- Debemos saber cando delegar algo en alguén ou dicir que non. Moitas veces nós sós non poderemos con todo, polo que hai que rexeitar tarefas e concentrarse no que temos entre mans para que saia o mellor posible.
- Crear recordatorios pode ser beneficioso para estar ao corrente de todo: unha alarma no móbil, algunha aplicación ou mesmo unha nota na mesa.


3. Fixar descansos

É tan importante traballar como descansar. Se non facemos pausas durante a nosa xornada, remataremos moito máis cansos física e mentalmente.
Traballar horas e horas seguidas sen levantarnos da cadeira afecta á nosa produtividade, polo que hai que realizar descansos polo medio. Cada vez que rematemos unha tarefa, por exemplo, podemos tomarnos uns minutos para levantarnos e estirar os brazos e pernas, tomar un aperitivo, camiñar un pouco... Con isto, evitaremos a saturación, o estrés e a irritación, ademais de dores de cabeza, costas e outras lesións.
Incidimos, outra vez, na importancia de durmir. Aproveita para deitarte cedo e descansar ben!

4. Evitar os ladróns de tempo

Ao longo do día, todos/as aproveitamos un instante para consultar o whatsapp, mirar as redes sociais ou revisar o correo electrónico. Todas estas distraccións non fan máis que interromper a nosa concentración, polo que debemos establecer uns momentos determinados para estas trivialidades. Podemos empregar os pequenos descansos entre tarefas para estes cometidos e así non romperemos coa rutina establecida.
Ademais, a desidia pode facer presenza ante algunhas labores que teñamos que sacar adiante, polo que o mellor sería poñerse cantos antes con elas e así evitar a procrastinación.

Que che parecen estas pautas? Esperamos que che sirvan de axuda se decides aplicalas... e moita sorte na consecución dos teus obxectivos!
Se queres estar ao tanto de todo o que vai pasando no pazo, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto voltaremos con máis novidades!

Entradas relacionadas

1 Comentario(s)

  • Ay los ladrones de tiempo!! Por aquí buscando cómo reducir el número de inputs diarios para poder ser más productivo.