Preséntate! Dinos quen es, a que te dedicas e cal é o teu proxecto actual.
Son Xosé Ramón Nóvoa, son sociólogo, pero levo máis de vinte anos vinculado ao mundo da sociedade da información.
Na actualidade desenvolvemos un proxecto que resulta moi interesante, porque está vinculado ao marketing retail. A proposición é vender, vender produto de tenda, vender produto a través de Internet.

Cóntanos máis sobre o teu proxecto. Como xurdiu? Cal cres que é o seu futuro?

Reunímonos, fai máis dun ano, catro amigos que tiñamos distintas inquedanzas, pero parecíanos que combinaban moi ben xuntas as duns cas doutros. Tiñamos experiencia larguísima de traballar en empresas de todo tipo dentro do sector e decidimos poñer en común todo o noso coñecemento para sacar adiante un proxecto que resulta emocionante.

Por que decidiches acceder a un coworking en vez de a unha oficina tradicional?

Sempre que estivemos traballando en contornas colaborativas, establecemos sinerxías, atopámonos moi a gusto coa xente e, a verdade, é que sempre foi moi positivo, entón por que non? Era unha oportunidade e aproveitámola.

Que vantaxes cres que ten traballar nun coworking?

Claramente, as vantaxes que tes por traballar nun coworking son a xente. Realmente o interesante é o elenco de xente que tes no propio centro de traballo.

Que é o que máis che gusta de traballar en Arenaza?

O pazo ten unha vida especial e é un edificio que ten unha enerxía e un punto que resulta moi chulo para poder crear. Son espazos curiosos que, ás veces, axúdanche incluso coa concentración.

Como transcorre unha xornada laboral para ti?

Nun principio chegamos, montamos todo o set de ordenadores e detalles e vemos un pouco que é o que se coce na contorna xeral. Logo vamos ao que é realmente a revisión dos proxectos nos que estamos. En función tamén de que teñamos unha deadline máis próxima ou menos, poñémonos con ese tipo de temas e, a última hora, ao mellor imos a polos proxectos que temos en mente no futuro.

Cales son as túas tres cousas imprescindibles á hora de traballar?

O que poderiamos dicir que é imprescindible é non traballar moito antes da hora do café. O café é fundamental, entón tomar un bo café, que  ordenador non falle en ningún momento e, a terceira, que a contorna sexa agradable. Pero o do café é o máis importante!

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

O que máis me gusta do meu traballo é a polivalencia, é poder estar nun tempo ou nunha semana nun proxecto e estar tres semanas máis tarde noutro que non ten nada que ver. Hai xente que se desborda, pero a min resúltame moi motivador porque romper a monotonía e a min iso paréceme fantástico.

Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?

Aquí son como as famosas blogueiras de viaxes. Encántame viaxar, descubrir novos sitios e encontrarme con amigos ou xente coa que o paso ben. Vaime o tema do terraceo activo, con bo sol ou con bo tempo, sempre e cando non me de a min. O sol,digo.

Xa para rematar, recoméndanos: unha película, unha serie, un libro e unha canción!

Por recomendar unha película, pois a última que vin que foi Érase una vez en Hollywood; a película, a verdade, é que é unha pasada, paseino ben véndoa.
A serie do ano é Chernobyl, en HBO; creo que é a serie.
Libro… O de Elisa y Marcela, a historia desa primeira voda de 1901 que aconteceu na Coruña e que, a verdade, é unha ledicia de ler.
Eu son de música electrónica e levo moito tempo escoitando todo tipo de músicas e quedaríame, xa que estamos en modo verán-outono, con Summer, o clásico de Calvin Harris, que eu creo que vai moi ben para Instagram.


Podes atopar a Xosé Ramón en:
Páxina web
Linkedin
Twitter
Instagram

Entradas relacionadas

0 Comentario(s)