Se xa de por si a palabra coworking segue xerando incerteza entre moitas persoas que as escoitan por primeira (e segunda, e terceira…) vez, non queremos imaxinar o que supón familiarizarse con toda esa terminoloxía relacionada dunha ou doutra forma con este concepto. Por este motivo, a entrada de hoxe deste blog vai dedicada a aclarar o significado de todos eses vocábulos tan estraños (aínda que algúns son máis coñecidos que outros) que non paran de aparecer cada vez por máis lugares.
Este glosario para o eido dos coworking está realizado en función dos conceptos empregados neste espazo de Arenaza, polo que ten por seguro que existen moitos máis que, probablemente, aquí non son tan necesarios.

  • Aceleradora: organización encargada de impulsar o crecemento dun negocio. A diferenza dunha incubadora, está orientada a proxectos en funcionamento. Tamén ofrece recursos e servizos como mentorización e formación, normalmente nun período de entre tres e doce meses nos que, ademais, aportan soporte legal, técnico e/ou financeiro.
  • Business Angel: é unha persoa que inverte diñeiro nun proxecto a cambio dunha ganancia futura.
  • CEO (Chief Executive Officer): é a persoa encargada de dirixir a empresa, xeralmente, o propio fundador ou fundadora, aínda que non é un posto exclusivo para este/a.
  • CMO (Chief Marketing Officer): é o director de marketing dunha empresa.
  • Comunidade: concepto que fai referencia ao conxunto de persoas que traballan no mesmo espazo e que comparten uns determinados elementos. É unha palabra fundamental no dicionario coworking, pois sen a comunidade non existiría.
  • Coach: refírese á persoa encargada de guiar ou acompañar a unha persoa ou grupo na consecución das súas metas.
  • Coaching: é un proceso que consiste no acompañamento, instrución ou adestramento co obxectivo de alcanzar uns obxectivos ou desenvolver unhas habilidades determinadas.
  • Coworker: e o profesional que desenvolve a súa actividade nun espazo de coworking.
  • Coworking:  este termo fai referencia a unha forma de traballo que permite a profesionais de diversos perfís compartir un mesmo espazo para desenvolver a súa actividade, fomentando a colaboración e as relacións entre os distintos profesionais, que poden ser freelance, emprendedores ou emprendedoras e pymes de variados sectores. Ademais, tamén representa o espazo físico onde se reúnen todas estas persoas traballadoras.
  • Crowdfunding: tamén denominado micromecenado, consiste no financiamento colectivo dun proxecto. Consiste na difusión pública dun proxecto, xeralmente de maneira online, no que diferentes persoas actúan como mecenas aportan diferentes cantidades de diñeiro a ese proxecto en cuestión. O máis habitual é que, a cambio desa contribución, reciban algún tipo de recompensa física ou virtual.
  • Crowdlending: este modelo de financiamento basease nas inxeccións puntuais de cartos por parte duns inversores aos que, pasado un prazo definido, se lles deben devolver esa contribución cunha serie de intereses.
  • Dixitalización: proceso de cambio tecnolóxico que se está aplicando nas industrias para aproveitar as tecnoloxías dixitais.
  • Emprendedor/a: é a persoa que aproveita oportunidades nos negocios para crear unha nova empresa ou poñer en marcha un proxecto.
  • Espazo de Traballo: é a área onde as persoas levan a cabo o desenvolvemento do seu proxecto.
  • Growth Hacking: é o conxunto de técnicas desenvolvidas polas empresas para incrementar o seu crecemento co mínimo gasto e recursos posibles.
  • Incubación (fase de): momento de constitución e desenvolvemento da actividade empresarial, cun seguimento para ver o impacto real.
  • Incubadora: organización deseñada para apoiar o nacemento e desenvolvemento de proxectos emprendedores, ofrecéndolles axudas e servizos como un espazo físico, financiamento ou coaching, entre outros.
  • MakerSpace: é un espazo físico de colaboración aberto onde as persoas teñen acceso a recursos, coñecementos, ferramentas… que se comparten para traballar en diversos proxectos e crear produtos ou servizos.
  • Mentor/a: persoa que guía a outros no desenvolvemento dun proxecto, aconsellando e compartindo as súas experiencias.
  • Networking: este popular anglicismo fai referencia a un encontro onde ampliar a rede de contactos. Axuda a construír vínculos profesionais por medio da relación entre diferentes persoas, podendo coñecer posibles clientes, socios/as, provedores ou inversores.
  • Nova empresa: no noso caso, son as persoas físicas ou xurídicas que comezan a súa actividade empresarial e precisan de apoio para mellorar as súas expectativas de supervivencias. Máis información aquí.
  • Office: espazo determinado dun coworking destinado a preparar a comida.
  • Pitch (Elevator Pitch): discurso de presentación dunha idea ou proxecto coa intención de persuadir a un inversor, cliente… Caracterízase por ser breve, conciso e ter menos dun minuto de duración.
  • Preincubación (fase de): momento de armado e afinación do plan de negocio dun proxecto ou idea emprendedores.
  • Produtividade: é a cantidade de traballo útil que unha persoa pode realizar nun determinado espazo de tempo.
  • Sinerxía: cooperación entre dúas ou máis partes para lograr uns determinados obxectivos ou metas profesionais.
  • Space Manager: é o xestor do coworking, a persoa encargada de xestionar e dinamizar o espazo.
  • StartUp: é unha empresa que está comezando, innovadora, e con moito potencial de crecemento nun espazo de tempo reducido. Aínda que non é exclusivo, xeralmente é un termo usado para referirse a negocios do eido tecnolóxico ou dixital.
  • TIC: son as tecnoloxías da información e da comunicación, aquelas centradas nos eidos da informática, a microelectrónicas e as telecomunicacións para crear novas formas de comunicación.
  • Viabilidade: probabilidade de que un negocio poida ter éxito, garantindo a rendibilidade económica.
Esperamos que este glosario te axude a aclarar eses conceptos confusos e, se botas en falta algún, anímate a comentalo!
Se queres estar ao tanto de todo o que vai pasando no pazo, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto voltaremos con máis novidades!

Entradas relacionadas

0 Comentario(s)