Preséntate! Dinos quen es, a que te dedicas e cal é o teu proxecto actual.

Chámome Miguel Cortés e estudei Enxeñería Informática, e agora mesmo dedícome ao marketing online.
Teño unha axencia de marketing dixital que se chama Ziguatanejo e na mesma ofrecemos servizos de SEO, SEM, publicidade online, creación, desenvolvemento, deseño e mantemento de páxinas web… E, agora mesmo, o meu outro gran proxecto é InNatura, que comparto coa miña parella María, unha escola na natureza. Trata de que, todo o tempo que sexa posible, os nenos e nenas estean fóra da aula, de xuntar ou reconectar a educación dos máis pequenos co contacto coa natureza. O que facemos é axudar a implantar estas metodoloxías de educación na natureza en España; María faino a nivel formativo e metodolóxico, é dicir, asesorando ás distintas novas iniciativas que xorden; e digamos que a miña parte sería axudar á difusión de todas estas novas iniciativas e da propia InNatura por Internet, poñer a parte de marketing dixital ao servizo desta forma de educar para que chegue a ser máis coñecida.

Cóntanos máis sobre o teu proxecto. Como xurdiu? Cal cres que é o seu futuro?

InNatura xorde do amor pola natureza. A miña parella María, que é a ideóloga do proxecto, detectou unha falla que hai a día de hoxe de contacto dos máis pequenos/as  coa natureza, que é algo que cremos que é básico para un desenvolvemento completo. Sabendo que existen distintas metodoloxías que inculcan este contacto directo coa natureza dos máis pequenos/as nas súas primeiras etapas na escola, decidiuse a viaxar e a estudar nos países da contorna europea como se están implantando e como funcionan.

Por que decidiches acceder a un coworking en vez de a unha oficina tradicional?

Ata que abriu este espazo, o pazo de Arenaza, eu traballaba na oficina que teño na casa e a verdade é que botaba bastante de menos o contacto directo con xente, o poder falar dos problemas…Cando souben polas noticias locais do proxecto, estiven moi pendente de cando remataban as obras, de cando comezaba todo o movemento e grazas á axuda dun compañeiro coworker e do persoal que xestiona o coworking, que é xenial porque axuda un montón, para presentar a solicitude a tempo e poder ter aquí un espazo de traballo.

Que vantaxes cres que ten traballar nun coworking?

Á parte de que o espazo é un edificio precioso, é un edificio no que non nos falta ningún detalle de comodidade, a nivel ofimático… A gran vantaxe é compartir isto todos os días con outras persoas que tamén están emprendendo.

Que é o que máis che gusta de traballar en Arenaza?

Ter compañeiros/as ao lado cos que compartir o día a día, cos que tomar un café e contarlles un problema que están tendo. É todo vantaxes e todo axuda, a verdade.

Como transcorre unha xornada laboral para ti?

A miña parella María e eu, dende fai dez meses, tamén compartimos un proxecto moito máis grande e emocionante, que é unha filla. Agora mesmo a nosa xornada laboral divídese en dous: facemos media xornada de traballo no proxecto e outra media xornada de crianza, co cal eu polas mañás normalmente veño ao pazo a traballar e intento facer catro ou cinco horas e logo, polas tardes, son pai.

Cales son as túas tres cousas imprescindibles á hora de traballar?

Eu creo que, a día de hoxe, para case todo o mundo que traballa nunha oficina, serían unha boa conexión a Internet, un ordenador co que traballar e, para min, o que si me parece imprescindible é ter música.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

Saber que cunha formación máis técnica tamén é posible cambiar ou intentar mellorar algo tan importante como a educación dos máis pequenos/as.

Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?

Gústame o teatro. Son un intento de actor, obviamente a nivel amateur. Estou apuntado na Escola Municipal de Teatro de Oleiros e un par de días á semana vou alí á clase. Axúdame moito no día a día a desconectar un pouco do traballo.

Xa para rematar, recoméndanos: unha película, unha serie, un libro e unha canción!

Gustaríame recomendar a película American Beauty, é unha filme moi famoso de Sam Mendes, se non recordo mal.
Unha serie que agora se está facendo moi famosa, pero xa ten dúas tempadas. é Fleabag. Fai pouco recibiu unha morea de premios, recoñecéronlle o boa serie que é.
Un libro, gustaríame recomendar un clásico que é Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, que a min é un libro que me marcou profundamente.
Grupos de música recomendaría dous dos meus favoritos. A nivel nacional, Toundra, que é un grupo madrileño que me encanta; e Tool como grupo internacional. Como canción, a miña canción sería Reflection, de Tool, do disco Lateralus, e que me fai viaxar.


Podes atopar a Miguel en:

Páxina web
Linkedin
Twitter
Facebook

Entradas relacionadas

0 Comentario(s)