Preséntate! Dinos quen es, a que te dedicas e cal é o teu proxecto actual.

Chámome María del Carmen Ramos López, son licenciada en Xeografía e fixen un máster en Xestión Ambiental.. Encántame coñecer distintos tipos de disciplinas, porque a xeografía, ao final, é unha ciencia social multidisciplinar.
O meu proxecto chámase Start-On-TIC e trata de desenvolver unha aplicación baseada nun software libre, aplicado á industria, no cal xeolocalizar cada un dos elementos do que é a propia industria coa sensorización ou con cada un dos datos que xere cada elemento da planta.

Cóntanos máis sobre o teu proxecto. Como xurdiu? Cal cres que é o seu futuro?

Da xeografía, para min o máis importante é o xeodato. Ao relacionar a xeografía coa informática, fixen moitos proxectos tendo en conta o que é a análise de moitísima cantidade de datos, pois traballaba facendo cartografía dixital con sensores remotos. O meu proxecto xorde, como xa comentei anteriormente, pola miña experiencia laboral e porque estiven facendo moitos talleres onde falan moito do que é a industria 4.0.

Por que decidiches acceder a un coworking en vez de a unha oficina tradicional?

Basicamente, porque cando un está emprendendo un proxecto determinado, a inversión é menor nun coworking. Para min é importante porque me permite conciliar a miña vida persoal coa familiar, porque se estás nunha oficina traballando tes que cumprir certos horarios e así ti podes entrar e saír cando o precises. E tamén porque te enriquecen as outras persoas que están dentro do coworking.

Que vantaxes cres que ten traballar nun coworking?

Unha das vantaxes que se me ocorren agora é que é un espazo que non é a túa casa, que te centra máis, céntrate no que é un traballo e ao coñecer distinta xente, de distintas disciplinas, podes compartir ideas con elas que non teñen nada que ver co teu traballo, pero que te poden enriquecer.

Que é o que máis che gusta de traballar en Arenaza?

Primeiro, eu creo que é a xente que está en Arenaza. É unha xente que, para min, é fantástica e fabulosa, tantos os/as coworkers como as persoas que organizan e coordinan o pazo, teñen a virtude de facer este tipo de vídeos para promover os nosos proxectos. E con respecto ás persoas que están no pazo, son todos dunha calidade profesional incrible.

Como transcorre unha xornada laboral para ti?

A miña xornada laboral comeza chegando, aproximadamente, entre as 8:30h-8:45h da mañá. Leo os correo electrónicos, algunhas cousas das redes sociais e dedícome, a primeira parte, a estudar os programas que necesito para desenvolver a aplicación. Despois, por suposto, imos ao café, que me parece unha parte importante do coworking, porque aí xorden o que eu chamo unha tormenta de ideas, e un tamén sinte que colabora e participa nos proxectos dos demais. E, por último, dedícome á outra parte do proxecto, que é definir un pouco máis ao cliente ao que me quero dirixir e montar o plan de negocio, pero máis ao detalle.

Cales son as túas tres cousas imprescindibles á hora de traballar?

Primeiro, que estea ben descansada para poder centrarme, non procrastinar e, a terceira, orde si, si ou si.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

Que estou en constante aprendizaxe e iso faime sentir motivada, faime sentir apaixonada polo que fago, porque ao ter que ver coa tecnoloxía tamén, faime sentir que son unha artista tecnolóxica.

Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?

É moi variado. Gústame camiñar, facer sendeirismo, porque permíteme estar en contacto coa natureza; gústame, por suposto, sacar fotografías; e algo que é moi particular e me gusta moito, é facer máscaras, porque me fai ser creativa.

Xa para rematar, recoméndanos: unha película, unha serie, un libro e unha canción!

As dúas películas de Wall Street son interesantes, porque dan dous puntos de vista de como levar negocios; a serie, pois gústame Mr. Robot, porque che da unha visión distinta do que son os hackers e os seus conflitos internos.
A nivel de libros, gústanme os clásicos: Hermann Hesse, Dostoievski… Pero recomendaría para ler, tamén dentro deste contexto, la Teoría Z de William Ouchi, que presenta unha forma de traballar dentro das empresas que toman moito en conta o factor humano.
Hai moita música que me gusta, pero eu decántome un pouco máis por mencionar un grupo que é o meu favorito, que é Marillion, e dentro das cancións pois pode ser Beautiful.


Podes atopar a María del Carmen en:

Linkedin

Entradas relacionadas

0 Comentario(s)