Preséntate! Dinos quen es, a que te dedicas e cal é o teu proxecto actual.

Son Trini, son unha muller inconformista, independente e ilusionada. A nivel académico son licenciada en ciencias económicas e, agora mesmo, estou cun proxecto propio como asesora inmobiliaria: Trinidad G. Ferreiro.
As bases do meu proxecto sería tres. Primeiro, o coñecemento do cliente vendedor/a, comprador/a e persoa que quere alugar unha vivenda, o eixo fundamental de todo o proceso; é  importantísimo coñecelo, saber o que busca. Logo, o segundo punto sería a elaboración de plan específicos e personalizados para cada un destes clientes, en base a un proceso que está pautado e totalmente contrastado que da seguridade. O terceiro punto sería unha asesoría 360º, un acompañamento personalizado e global dende o momento que coñezo ao cliente, comprador/a ou vendedora/a, ata que que acabamos a operación.

Cóntanos máis sobre o teu proxecto. Como xurdiu? Cal cres que é o seu futuro?

Levaba anos traballando como asesora inmobiliaria nunha empresa por conta allea. Estiven xa tempo dándolle voltas á posibilidade de poñerme por conta propia e motivada e axudada por unhas circunstancias, fixeron que tomara a decisión. Fai pouquísimo tempo, en xuño deste ano, e estou iniciando agora o proxecto con moita ilusión.

Por que decidiches acceder a un coworking en vez de a unha oficina tradicional?

Quixen acceder a un coworking, en primeiro lugar, porque o meu proxecto é unipersoal. Inicialmente non podería facer fronte á inversión inicial que supón unha oficina convencional. Pero non só por iso, senón tamén polo tipo de traballo que realizo: vou ser eu soa e o meu traballo non consiste só en estar nunha oficina, consiste en visitar aos meus clientes, os meus inmobles e estar moito tempo fóra.

Que vantaxes cres que ten traballar nun coworking?

Sobre todo, o de estar con xente que, máis ou menos, está no mesmo nivel ca ti. Son persoas emprendedoras, que están iniciando un proxecto, que compartimos unha morea de situacións. Establécense contactos e, ademais, eses contactos non son xerárquicos, é dicir, créanse relacións a un mesmo nivel.

Que é o que máis che gusta de traballar en Arenaza?

O primeiro do que teño que falar son as persoas. Realmente, o que aporta un sitio como este é a xente, entón eu síntome privilexiada de compartir un espazo con xente coas miñas mesmas ilusións, circunstancias e que nos estamos aportando mutuamente. Segundo, o lugar, temos a gran sorte de contar cun pazo rehabilitado e adaptado.

Como transcorre unha xornada laboral para ti?

Chego ao pazo sobre as nove, nove e media da mañá, xestiono un pouco o meu traballo e logo, a media mañá adoito baixar a tomar un café cos meus compañeiros e compañeiras coworkers. Adoito marchar sobre as dúas, dúas e media e, pola tarde, aproveito para facer as xestións fóra de oficina ou, incluso, tamén traballo dende a casa e, en algún momento, tamén veño ao pazo porque, francamente, merece a pena.

Cales son as túas tres cousas imprescindibles á hora de traballar?

Que che guste o teu traballo, que goces do que estás facendo, iso sen lugar a dúbidas; que esteas motivada, porque pode gustarche moito o teu traballo e, apor algún motivo, dubidas; e, moi importante, que che aporte, á parte de que che guste e che motive, ten que aportarche o que ti precisas, é dicir, que con esforzo e dedicación poidas cumprir os obxectivos que te propuxeches.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

Sen lugar a dúbidas é que podo axudar a solucionar problemas e necesidades que ten o meu cliente. É un traballo nada monótono, moi dinámico e cunha morea de tarefas que facer. A min iso apórtame, a diversidade de tarefas que teño que realizar axúdame tamén a estar continuamente formándome

Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?

Á parte de estar coa miña familia e viaxar, que me apaixona, gústanme pequenas cousas, como pode ser dar un paseo polo monte, dar un paseo pola praia… normalmente, en lugares que non estean masificados, dando un paseo co meu can. Gústame visitar a miña aldea e tamén plantar o meu horto.

Xa para rematar, recoméndanos: unha película, unha serie, un libro e unha canción!

Non teño así unha película que podería recomendar, pero unha das últimas que vin, que realmente me impactou e me encantou polo tema que trata, sería Lion.
A televisión non me gusta moito, pero estou seguindo agora mesmo Estoy Vivo, para pasar un chisco.
Sempre hai que ter un libro á man. Agora mesmo o que teño é Las Hijas del Capitán, de María Dueñas.
Unha canción, polo que supón a nivel persoal, é La Senda del Tiempo, de Celtas Cortos.


Podes atopar a Trini en:

Linkedin

Entradas relacionadas

0 Comentario(s)