O xurado dos premios PEL que convoca a Deputación da Coruña reuniuse hoxe, na sede da institución provincial, para avaliar as candidaturas presentadas ao III Premio Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial.

Os gañadores do certame daranse a coñecer nos próximos meses, nun acto que contará coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado de Promoción Económica, José Luis García, e representantes do tecido empresarial da provincia. Así mesmo, o evento promoverá a creación de redes de traballo entre todas as empresas candidatas.

A Deputación convocou este premio por terceiro ano consecutivo dentro das accións do Plan de emprego local (PEL), co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e autónomas, concellos de menos de 20.000 habitantes e asociacións empresariais comprometidos co desenvolvemento económico da provincia.

57 empresas, 14 concellos e 13 asociacións da provincia optan aos galardóns

Un total de 84 candidaturas presentáronse ás cinco categorías coas que conta o galardón, dotadas con 15.000 euros cada unha: Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade; Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada , destinada a aquelas empresas que conten con máis de cinco anos de actividade, Mellor Iniciativa Xeradora de Emprego, que premiará as empresas que contribúan ao crecemento do emprego sostible e de calidade na provincia, Concello Promotor do Emprego de Calidade, dirixida aos concellos coruñeses que promoven e favorecen o emprego e o emprendemento e Mellor Asociación Empresarial, cuxa finalidade é valorizar o labor das asociacións de empresarios/as á hora de fortalecer o tecido empresarial.

O xurado estivo presidido polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla Ramil, mentres que o secretario foi Rafael Díaz-Aguado, xefe do Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego. Así mesmo, participaron especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses, como José Manuel Cotos Yáñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela (USC); José Andrés Faíña Medín, presidente do grupo de investigación de competencia e desenvolvemento rexional da Unión Europea da Universidade da Coruña (UDC); Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Carlos Fernández Bermúdez, xefe dos servizos técnicos da Cámara de Comercio da Coruña e Isabel Ferro Giménez, xerente de proxectos de I+D do Grupo Calvo.

Os membros do xurado avaliaron as candidaturas presentadas, seguindo criterios coma a orixinalidade da idea de negocio, a xeración de emprego, a capacidade de expansión, as iniciativas de fomento do emprendemento postas en marcha polos concellos, os servizos prestados polas asociacións empresariais, entre outros.

A Coruña, Santiago e Bergondo presentan o maior número de candidaturas

A meirande parte das empresas que concorren aos premios teñen o seu domicilio nos concellos da Coruña (15), Santiago de Compostela (9) e Bergondo (4). En canto aos concellos, concorren os de Ares, Brión, Cerceda, Coirós, Curtis, A Laracha, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Santa Comba, Sobrado, Valdoviño, Vedra e Vimianzo. No referente á quinta categoría, de mellor asociación empresarial, o concello de Ferrol é a que presenta unha maior representación (3), seguido dos concellos de Santa Comba (2) e Santiago de Compostela (2).

En canto aos ámbitos de actividade das empresas, destacan as dedicadas aos servizos técnicos ou tecnolóxicos, así como as empresas de servizos de educación e formación, do sector audiovisual e musical, dos sectores agrícola e gandeiro, téxtil, comercio electrónico, consultaría etc.

Entradas relacionadas

0 Comentario(s)