Este martes tivemos unha nova edición do Almorzo no Pazo para coñecer un pouco mellor as experiencias emprendedoras de diversas persoas da nosa contorna. Nesta ocasión recibimos a Andrés Souto, fundador de VanenBikke, unha empresa de mensaxería en bicicleta.
Andrés comezou a contarnos a súa historia situándonos no contexto da crise económica. Este delineante proxectista atopábase traballando nunha empresa e vía como os negocios ían pechando polas dificultades da situación, polo que decidiu buscar outros proxectos ou futuros empregos.
Ao principio fíxose autónomo para traballar para outras empresas, pero no 2010-2011 comezou a desenvolver un proxecto propio relacionado coa rotulación, as artes gráficas... Pouco a pouco foi medrando, pero chegou a un punto no que se encontrou con que a competencia era moi basta. Esta situación xeráballe bastante ansiedade, polo que decidiu facer máis deporte para aliviar este problema, primeiro correndo e, logo, en bicicleta.

O nacemento de VanenBikke

Despois de meter o pé no mundo das bicicletas, comezou a investigar un pouco máis sobre este tema e descubriu un modelo que lle chamou á atención. Tratábase do modelo Bullit, a mellor bicicleta de carga para o transporte de mercadorías e a favorita en Europa para este fin. Esta estrutura conta cunha plataforma dianteira que funciona como un compartimento. Tras informarse dos usos deste modelo de bicicleta, chegou a coñecer que é bastante específico dos negocios dedicados á mensaxería e á paquetería, aínda que non é especialmente rápida, pero si aguanta bastante peso.
Neste momento é cando decidiu iniciarse neste negocio, vinculándoo un pouco co tema da rotulación. Nun primeiro momento fixo un estudo de mercado e, vendo os resultados, escolleu continuar co seu proxecto e comprou dúas bicis, marcando o inicio da súa relación empresarial con Ciqlo, unha tenda de bicicletas en Betanzos. O 2013 foi o ano no que comezou formalmente a súa actividade, para o que fixo uso das redes sociais, facendo marca e intentando que as persoas se quedaran co concepto: VanenBikke significa 'Van en Bici' (Van en Bikke) e símbolo que empregan é unha representación da bicicleta.
Ao principio eran cinco persoas con dúas bicis que ían rotando entre elas. O sector no que operaban estaba bastante deteriorado na súa profesionalidade e, ao principio, apenas conseguían clientes, polo que buscaron un tipo de cliente local e expuxeron unha das súas bicis en varios puntos de A Coruña para darse a coñecer.
As súas primeiras funcións foron levar moita comida: almorzos, empanadas, tortillas... Isto axudounos a ter bastante volume de traballo e, posteriormente, electrificaron unha bicicleta para ampliar as súas zonas de acción, o que supuxo traballar a outro ritmo. Logo, compraron unha nova bici, pero xa completamente eléctrica, e volveron a traballar con comercios grosistas, o que significou un crecemento notable na empresa.

A filosofía VanenBikke

Xa afianzados no mercado coruñés, no 2016 decidiron participar no Campeonato Ibérico de Mensajeros en Bicicleta, unhas xornadas deportivas e lúdicas que poñen de manifesto este traballo, o cal gañaron. Por isto acuden ao Campeonato de Europa, celebrado en Dinamarca, unha experiencia moi boa que os fixo manter contacto con outras empresas do seu sector e crear relacións importantes para o seu modelo de negocio. En 2017, VanenBikke organizou en A Coruña, na zona do Parrote, este campionato, tendo unha gran acollida. E, fai relativamente pouco, montaron a Asociación de Empresas de Ciclologística de España co fin de facer visible o traballo neste sector.
A filosofía de VanenBikke consiste en axudar á pequena empresa, ás persoas e á veciñanza, seguindo os preceptos de sostibilidade, profesionalidade e responsabilidade, dando servizos de mensaxería e marketing directo.
Podes contactar con eles a través da súa páxina web e as súas redes sociais.

Se queres estar ao tanto de todo o que vai pasando no pazo, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto volveremos con máis novidades!


Be the first one to leave a comment!
Sign in or join to post new comments