Esta semana o Pazo de Arenaza foi o fogar de dous eventos moi especiais: “Conectando na Rede 2022” e “European Freelancers Week”. Nesta publicación repasaremos o que pasou estes dous días polo Pazo.
Conectando na Rede 2022
Comezamos o martes co encontro “Conectando na Rede 2022”, no que a Deputación da Coruña e os xestores dos espazos que forman parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo de A Coruña se xuntaron para falar sobre os diferentes coworkings.
Con este encontro, a Deputación da Coruña buscou crear sinerxias entre espazos e establecer estratexias de actuación comúns, ao tempo que os diferentes equipos xestores se coñecen e aportan solucións aos problemas que se veñen detectando nos últimos meses nos diferentes espazos.
European Freelancers Week 2022
Esta semana tamén celebramos a European Freelancers Week 2022, uns días de celebración do tecido freelancer europeo. Para festexalo, dende o luns e ata hoxe, o Pazo converteuse nun Open Coworking.
Pero, por suposto, tivemos que organizar tamén un evento como colofón final. Así, o xoves 20 de outubro comezamos o día con “Catro aprendizaxes para freelancers”, un evento no que varios freelancers contaron as súas experiencias no sector.
Por problemas de saúde, a nosa primeira invitada, Lorena Fernández, non asistíu ao evento, así que comezou o día Ana Belén Muñiz, falando sobre cal é o momento no que se pode pasar de freelancer a outro tipo de persoas fiscais. Como sempre, Ana Belén xerou moito debate coa súa intervención.
Seguimos con Pedro J. Plasencia, que explicou de marabilla a súa rutina como freelancer e creador de contido, unha xestión do tempo impecable que seguro que será replicada por varios arenazers. Despois chegou Carmen Delia para falar de como concilia sendo freelance, outro gran exemplo de organización e involucración dos seus fillos no seu traballo.
Por último, o evento rematou cun debate no que se plantexaron tres temáticas de discusión. Todos os arenazers, e invitados, participaron cos seus argumentos. En definitiva, unha xornada de aprendizaxes e reflexións que perdurarán na nosa mente.
Para estar ao tanto de todos os eventos e formacións do Pazo, presta atención a este blog, ás nosas redes sociais e á nosa páxina web. Moi pronto volveremos con máis novidades!
E recorda, temos postos dispoñibles e está aberto o prazo de solicitudes! Podes solicitar un nesta ligazón.