Emprender para transformar
Nun mundo que avanza cada vez máis rápido, emprender non debería ser sinónimo de esgotamento, renuncia ou illamento. Emprender pode e debe ser un camiño de coidado, de conciliación e de impacto positivo. Gustaríame abrir unha reflexión necesaria: como compatibilizar o emprendemento co benestar persoal, familiar e social? É posible emprender coidando de unha mesma e do noso entorno?
Conciliación: moito máis que xestionar horarios
Cando falamos de conciliación, pensamos a miúdo en cadrar axendas: o traballo, a crianza, os coidados, o tempo persoal... Pero a conciliación vai moito máis alá da loita contra o reloxo. É unha proposta de vida que nos invita a priorizar o que realmente importa e a construír formas de traballar e emprender que non nos afasten do esencial: a nosa saúde física e mental, as nosas relacións, o noso equilibrio.
O emprendemento, lonxe de ser incompatible coa conciliación, pode ser unha ferramenta potente para acadala. Pero para iso, hai que pensalo desde o coidado: coidado de unha mesma, coidado do tempo, coidado das persoas coas que convivimos e traballamos.
Emprender dende o coidado dunha mesma
Moitas veces, as persoas emprendedoras acaban asumindo xornadas infinitas, unha carga mental constante e unha desconexión progresiva da súa vida persoal. Esta idea do sacrificio como prezo do éxito está moi presente, pero é insostible.
Coidar dunha mesma significa poñer límites, respectar os tempos de descanso, priorizar o benestar emocional e pedir apoio cando o necesitamos. Significa lembrar que non somos só a nosa produtividade. Que non podemos aportar valor se estamos esgotadas, desconectadas ou enfermas.
Emprender con perspectiva de coidado persoal é poñer a vida no centro do proxecto. E iso non é un luxo, é unha necesidade estratéxica.
O impacto social do teu proxecto: coidar ao entorno
Cada proxecto emprendedor ten consecuencias. Pode contribuír a mellorar a vida das persoas ou perpetuar esquemas sociais e medioambientais dañinos para as persoas e o mundo. Pode reforzar valores positivos ou dinamitar a confianza. Por iso, é clave pensar no impacto social da nosa actividade.
Coidar do entorno significa, por exemplo:
Crear servizos ou produtos que respondan a necesidades reais.
Establecer relacións laborais baseadas no respecto, a igualdade e a corresponsabilidade.
Promover a colaboración fronte á competencia feroz.
Participar na vida comunitaria e contribuír ao benestar colectivo.
O emprendemento pode ser unha ferramenta de transformación social cando se fundamenta no coidado mutuo, na responsabilidade e na empatía.
Sustentabilidade: coidar o planeta dende o teu proxecto
A perspectiva dos coidados non se limita á esfera persoal ou social. Tamén ten unha dimensión ecolóxica fundamental. Non hai futuro posible sen coidado do planeta. Por iso, emprender dende a sustentabilidade é un acto de coidado realmente importante para o momento no que vivimos.
A súa aplicación pode ir dende pequenas accións (reducir residuos, apostar por provedores locais, dixitalizar procesos) ata modelos de negocio completamente orientados ao impacto ambiental positivo (economía circular, ecoloxía, consumo responsable).
Pensar o emprendemento dende esta perspectiva implica preguntarse: como afecta o meu proxecto ao medio? Que pegada deixa? Como podo minimizar ou mesmo reverter ese impacto?
Ferramentas institucionais para coidar mentres emprendes
Desde espazos como o Pazo de Arenaza, se pretende facilitar precisamente isto: lugares de traballo que fomenten a conciliación, o apoio mutuo e a sustentabilidade.
Espazos compartidos que rompen o illamento do traballo por conta propia.
Infraestruturas gratuítas que alivian a carga económica de emprender.
Actividades formativas, redes de contacto e apoio técnico para avanzar sen renunciar á calidade de vida.
Apostar por estes recursos é un xeito de coidarse e de coidar o proxecto.