O tecido emprendedor da provincia da Coruña viviu onte unha das súas citas máis emblemáticas. O Club Cámara Noroeste acolleu a gala da XXVI edición do Premio Emprende AJE Coruña, organizada pola Asociación de Xóvenes Empresarios e Empresarias da Provincia da Coruña (AJE Coruña).
Un evento que, edición tras edición, se consolida como un espazo de recoñecemento ao talento, á innovación e á capacidade de liderado das persoas emprendedoras da provincia.
Metalabs e Chichalovers, exemplos de visión e talento
Nesta edición, os Premios Iniciativa Empresarial e Iniciativa Emprendedora 2025 recaeron en dúas propostas que reflicten a diversidade e o dinamismo do emprendemento coruñés.
Metalabs, dirixida por Pablo Gómez González, recibiu o Premio Iniciativa Empresarial 2025. Trátase dunha empresa de desenvolvemento blockchain especializada na tokenización de activos reais. Con máis de quince profesionais e sede na Coruña, Metlabs impulsa solucións tecnolóxicas para empresas en Europa, Latinoamérica e Oriente Medio. O seu traballo exemplifica como a innovación galega pode competir a nivel global.
Pola súa parte, Chichalovers, liderada por Graciela Castro Bea, foi distinguida co Premio Iniciativa Emprendedora 2025. Esta marca gastronómica galega reinventou o tradicional chicharrón en clave moderna, apostando por unha cadea curta e sostible. A súa proposta conecta tradición e vangarda, ofrecendo experiencias culinarias que unen xeracións baixo unha mesma esencia: o auténtico sabor da aldea nun bocado.
Proxectos con propósito e impacto
Ademais dos premios principais, o xurado outorgou tres accésits a iniciativas que destacan polo seu compromiso, creatividade e impacto positivo.
O Accésit RSC Vegalsa-Eroski foi para A Tribu Verde, liderada por Ana de Aspe Doldán, un proxecto que promove a sostibilidade na cultura galega a través de accións en rodaxes, festivais e eventos, así como mediante o desenvolvemento de software propio de medición ambiental e programas de reforestación autóctona.
O Accésit Innovación Nordés Club Empresarial recaeu en Zebra Brain, fundada por Rocío Vega Martínez, unha boutique que integra estratexia, persoas, procesos e intelixencia artificial. O seu traballo combina ferramentas como Lira, Form4 e Punto+, que permiten unha análise continua do rendemento e do benestar organizativo.
Por último, o Accésit Creación de Emprego recoñeceu o labor de Auxua, dirixida por Germán Alexander Herretes Balsa, unha empresa do sector da construción que aposta pola planificación real, o trato directo e o compromiso total cos seus clientes. A súa filosofía baséase en tres verbos sinxelos pero esenciais: escoitar, responder e cumprir.
Javier Corrochano, Padrino de Honra 2025
A gala tamén serviu para homenaxear a traxectoria de Javier Corrochano, nomeado Padrino de Honra 2025. O empresario conta cun amplo percorrido como director estratéxico e impulsor de proxectos como O Tío Xan, Fire Capitano, Brasa de Beche ou Bares e Estrellas. Ademais, lidera Spoom, consultora de restauración, e Iuni, axencia de marketing.
Desde AJE Coruña destacouse que a súa carreira “reflicte unha forma de entender a estratexia empresarial baseada na innovación, na coherencia de marca e na creación de proxectos con identidade propia”. O recoñecemento quixo poñer en valor a súa contribución ao desenvolvemento económico e empresarial da cidade.
Unha cita consolidada
Con vinte e seis edicións celebradas, o Premio Emprende AJE Coruña consolidouse como un dos galardóns máis prestixiosos do ecosistema emprendedor galego. Ano tras ano, a iniciativa reafirma o seu compromiso co talento novo, a creación de emprego e o fortalecemento do tecido empresarial da provincia.